Veciños reclamarán coa luz dunha vela a finalización das obras do Plan Paradai

A Federación de Asociacións Veciñais da Provincia de Lugo Lucus Augusti e a Plataforma pola Defensa da Zona Norte están a organizar unha concentración veciñal para o vindeiro luns, 30 de xuño, ás 20:00 horas, no fondo da Calzada das Gándaras, na confluencia coa rúa Serra de Meira.
O obxectivo da mobilización é esixir a finalización das obras pendentes do Plan Paradai, concretamente os treitos correspondentes á propia Calzada das Gándaras e á rúa Serra de Meira.
A protesta terá un carácter simbólico e visualmente moi chamativo: centos de persoas portarán unha vela acesa como mostra de unidade e determinación ante un proxecto que levan anos agardando que se complete. A organización xa difundiu imaxes dalgúns representantes preparando as velas coas que acudirán á convocatoria.
Ao remate da concentración está prevista a lectura dun manifesto por parte de María do Carme Casasnovas, presidenta da Asociación Alexandre Bóveda Paradai, e José Luis Díaz, en representación da Asociación Porta de Lugo – Sagrado Corazón.
As entidades convocantes fan un chamamento á participación masiva da veciñanza para apoiar unhas reivindicacións que consideran xustas e urxentes, lembrando que a finalización do Plan Paradai é fundamental para a mellora da calidade de vida na zona norte da cidade.