Veciños urxen ao Concello de Lugo o arranxo da fochanca da rotonda de Garabolos

LugoXa
A asociación de veciños Alto de Garabolos piden ao Concello de Lugo o arranxo "urxente" da fochanca da rotonda de Garabolos.
fochanca Garabolos
8 Xuño 2022

A Asociación veciñal Alto de Garabolos, de Lugo, denuncia o “lamentable estado” que presenta a vía de circulación anexa á rotonda de Garabolos. Unha vía, a rúa Hortensia, que conta, na actualidade, cunha fochanca que, segundo o colectivo, supón “un grave perigo para condutores e, en consecuencia, para os viandantes”.

O colectivo insta aos titulares da Concellería de Vías e Obras a que acometan “con urxencia” a reparación do pavimento do carril afectado polo afundimento.

Esta circunstancia foi denunciada con anterioridade, pola asociación Alto de Garabolos. “Fai nada menos que 6 meses, cando acudimos físicamente á oficina que os titulares da correspondente concellería”. No día de hoxe, o colectivo volveu contactar co Concello de Lugo ao que “procederemos a enviarlles este escrito vía rexistro electrónico”.

Na xuntanza da asociación veciñal coa concellería, segundo informan, “non obtuvemos máis que excusas para non proceder ao correspondente e necesario arranxo do firme”. Asemade, lembra o colectivo que tras un intento de reparación “ao pasar unha semana, o pavimento volvía afundir”.

“Dende entón, e por parte da concellería, responsable directa da reparación desta circunstancia, únicamente existiu a ausencia total de resposta”, di a entidade nun comunicado no que consideran “inadmisible” esta situación.

En palabras da propia asociación, a “gravidade” da ausencia da reparación implica que os camións que circulan “deban modificar o seu percorrido”. Asemade, o volume do tráfico “vese incrementado polas demoras e iso supón que se formen atascos”.

0.20444297790527