Vén de ser adxudicada a instalación do videomarcador do Pazo

O vicepresidente da Deputación de Lugo, Efrén Castro, anunciou a adxudicación da instalación do videomarcador do Pazo dos Deportes á empresa Mondo Ibérica. A Xunta de Goberno aprobou hoxe o contrato, que inclúe tanto a subministración como a instalación do equipamento, por un importe de 266.583 euros.
Segundo a proposta da empresa, o videomarcador constará dun prisma rectangular LED de 50 m² con esquinas curvas, complementado cun anel LED inferior de 8 m² coa mesma forma. En total, a superficie audiovisual ascenderá a 58 m², permitindo mostrar repeticións en alta calidade, gráficos, publicidade, estatísticas e retransmisións en directo.
Efrén Castro destacou que “o videomarcador suporá un salto tecnolóxico para o Pazo e modernizará por completo a infraestrutura audiovisual do recinto. Chegar ata este punto foi complexo polas características da cuberta: houbo que realizar un traballo técnico importante para atopar unha solución que permitise esta instalación, así que hoxe é un gran día”.
O contrato licitouse en xuño, tras realizar un estudo sobre a capacidade de carga da cuberta que determinase o peso máximo e a súa distribución para non comprometer a estrutura. Este estudo fixou un límite de 2.800 kg para a estrutura, sobre o que se basearon os requirimentos técnicos da licitación.
Coa adxudicación, ábrese un prazo legal de 15 días para presentar recursos. Unha vez transcorrido este prazo, a Vicepresidencia da Deputación de Lugo reunirase coa adxudicataria para concretar os prazos de instalación.
A situación actual do Pazo dos Deportes evidencia a súa obsolescencia, cunha infraestrutura de case 40 anos que xa non responde ás necesidades dun club ACB nin ao incremento constante de afeccionados.
Por iso, cada vez son máis as voces que reclaman un novo pavillón moderno e funcional, froito da cooperación entre administracións, que dea resposta á demanda social e permita acoller eventos deportivos e culturais de maior envergadura.