Venancio Vázquez centra unha nova acción literaria da Biblioteca Nodal
O empresario e político sarriao Venancio Vázquez centrará mañá unha nova acción literaria na Biblioteca Nodal de Lugo. O centro provincial acolle a presentación do libro Venancio María Vázquez y López: El chocolatero gallego y su fábrica La Fortuna en Madrid, escrito por Gregorio Sánchez Meco, doutor en Historia e cronista da vila de El Escorial.
O acto arrancará ás 19 horas no salón de actos e contará coa participación de Lola Vázquez, bisneta do propio Venancio Vázquez, e da directora da Biblioteca, María Isabel Pérez Fórneas.
A obra repasa a traxectoria deste personaxe que deixou Sarria rumbo a Madrid aos 12 anos para aprender o oficio de chocolateiro da man do seu tío, Matías López, e chegou a converterse nun dos empresarios máis importantes do último terzo do século XIX, ademais de ser presidente do primeiro Centro Galego de Madrid e deputado en Cortes.