Veterinaria aborda o consumo de algas en coellos como alternativa aos antibióticos

LugoXa
A investigación desenvolvida por Sabela Al-Soufi Novo no Campus Terra da USC avaliou con resultados prometedores
coellos
Coellos
21 Jul 2024

O uso de macroalgas mariñas en alimentación animal aparece como unha oportunidade prometedora para mellorar a saúde intestinal dos coellos durante o período post-desteta. Así o demostra a investigación desenvolvida por Sabela Al-Soufi Novo no Campus Terra da USC. A tese de doutoramento titulada Algas mariñas como alternativa ao uso de antibióticos en coellos, defendida na Facultade de Veterinaria do Campus de Lugo, caracterizou in vitro as propiedades de diversas algas mariñas e os seus extractos, determinou o seu perfil mineral para calcular as doses máximas de inclusión na dieta e avaliáronse in vivo os potenciais efectos sobre a saúde intestinal dos coellos. Paralelamente, estudáronse os efectos sobre a calidade da carne e sobre a deposición de minerais na carne e nas vísceras dos coellos, e realizouse unha enquisa á poboación do concello de Lugo para estudar a potencial aceptabilidade deste tipo de produtos.

O sector cunícola atópase “nunha situación crítica que precisa de solucións urxentes”, explica a investigadora. As problemáticas do sector veñen dadas principalmente pola redución gradual do consumo de carne de coello e polo aumento da mortalidade nas granxas, especialmente na fase de cebo. Segundo relata Sabela Al-Soufi Novo, “isto débese á dificultade de manter a saúde intestinal dos animais no momento da desteta, cando son moi susceptibles de padecer enfermidades gastrointestinais”. As recentes restricións no uso de antibióticos de forma profiláctica en alimentación animal dificultan o control destas enfermidades, polo que o sector se atopa ante un incremento das mortalidades e unha falta de alternativas. Nos últimos anos realizáronse numerosos esforzos por desenvolver estratexias nutricionais que mellorasen a saúde intestinal dos coellos, pero ata o de agora estas non foron capaces de controlar totalmente a aparición de certas enfermidades e, por tanto, “é preciso procurar novas alternativas”, destaca a investigadora do Campus de Lugo.

Resultados

O estudo in vitro das macroalgas mostrou unha elevada fermentabilidade, e por tanto un potencial prebiótico, de todos os produtos derivados da alga parda Saccharina latissima, mentres que os produtos derivados de Himanthalia elongata produciron elevadas concentracións de butirato, o cal proporcionaría beneficios sobre a saúde intestinal. A maior parte das macroalgas demostraron ser unha moi boa fonte de macrominerais, achegando cantidades maiores que as da maioría dos ingredientes empregados en nutricion animal; e certas especies de algas pardas —Saccharina latissima e Laminaria ochroleuca— presentaron moi elevadas cantidades de iodo, “o cal resultou ser o principal mineral limitante á hora de incluír estas especies nos pensos animais”, explica a investigadora.

A maior parte das macroalgas mostraron elevados niveis de arsénico, se ben todas elas presentaron niveis mínimos de arsénico inorgánico, de elevada toxicidade, polo que o seu emprego non suporía un risco para os animais. Dentro das macroalgas incluídas nas probas in vivo, S. latissima mostrou resultados positivos sobre a saúde intestinal dos coellos. As algas probadas in vivo non produciron ningún efecto negativo sobre a calidade da carne ou sobre as propiedades sensoriais do produto; e a inclusión da alga verde Ulva spp. mellorou o perfil de ácidos graxos da carne. O elevado contido de iodo das macroalgas pardas foi transferido á carne dos coellos alimentados con estas especies, o que sería de grande interese en zonas con deficiencia de iodo endémica; mentres que os residuos de arsénico na carne e nas vísceras foron mínimos.

Tal e como se desprende do estudo dirixido por Marta López Alonso, Javier García Alonso e Ana Paula Losada García, a aceptación deste tipo de produto por parte da poboación enquisada “foi moi elevado”, polo que este tipo de dieta podería ser potencialmente empregada como estratexia de “marketing” para incrementar o consumo de carne de coello por parte de persoas preocupadas pola sustentabilidade medioambiental, xa que fomentaría a economía circular ao empregar os descartes xerados na produción de macroalgas para alimentación humana.

0.15417790412903