Veterinaria achega a súa I+D+i para reducir o uso de antibióticos en coellos

LugoXa
O Campus Terra da USC participa con universidades e empresas no proxecto TIRAC coa idea de mellorar a saúde dixestiva dos coellos.
COELLO
20 Nov 2021

A Facultade de Veterinaria do Campus Terra da USC ofrece o seu potencial de I+D+i para reducir o emprego de antibióticos no sector da cunicultura e mellorar así a calidade da carne de coello e a rendibilidade das explotacións ao abeiro do proxecto nacional Técnicas Innovadoras para a Redución de Antibióticos en Cunicultura (TIRAC). Esta actuación, que abarca Galicia, Madrid e Navarra, está promovida por un grupo operativo supra-autonómico liderado por De Heus Nutrición Animal e conta cunha dotación orzamentaria de 490.000 euros, financiados nun 80% polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER) e nun 20% polo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación ao abeiro do Programa Nacional de Desenvolvemento Rural 2014-2020, a través da Dirección Xeral de Desenvolvemento Rural, Innovación e Formación Agroalimentaria (DGDRIFA), que é a autoridade encargada da aplicación destas achegas.

A substitución dos antibióticos empregados para solucionar os problemas dixestivos que afectan aos coellos de cebo a través da aplicación doutras técnicas innovadoras no campo da nutrición que garantan a saúde dos animais e melloren a rendibilidade das explotacións de cunicultura sen recorrer a este tipo de fármacos é o obxectivo prioritario do proxecto TIRAC.

A diminución do uso de antibióticos constitúe un dos grandes retos aos que se enfrontan os cunicultores, que conforman un sector aínda pouco organizado. Daquela o consorcio promotor desta iniciativa de I+D+i, do que tamén parte Feuga, Porto-Muíños e a Universidade Politécnica de Madrid, xunto cos grupos de Medicina Animal (ImedA), Anatomía Patolóxica (GAPAVET), Sanidade Animal (INVESAGA) e Hixiene, Inspección e Control de Alimentos (LHICA) da Facultade de Veterinaria da USC, pretende a atallar esta problemática con solucións innovadoras baseadas no estudo de estratexias nutricionais centradas nunha formulación de pensos con baixo nivel de proteína e cunha porcentaxe de fibra soluble moderada a través da incorporación de macroalgas ou extractos de alga. Neste ambicioso proxecto tamén participan como entidades colaboradoras Criadores de Conejo de Navarra Sociedad Cooperativa, PROGACUN-Asociación de produtores de coellos de Galicia e Granja J. Echegoyen S.L.U.

Alén de mellorar a saúde intestinal/dixestiva dos coellos, o proxecto Tirac pretende asemade que as novas estratexias nutricionais desenvolvidas contribúan a acadar unha carne de mellor calidade, viandas cun perfil lípido cardiosaudable, maior contido mineral e máis potencial antioxidante, segundo explica a investigadora da Facultade de Veterinaria do Campus de Lugo, Marta López Alonso. Esta docente entende asemade que a consecución dos obxectivos ambicionados serviría tamén para valorizar o sector de produción de algas.

0.1876699924469