Veterinaria conta con realidade virtual e modelos de simulación animal para a docencia
A realidade virtual e os modelos animais de simulación son dúas das ferramentas innovadoras para a docencia que vén de implementar a Facultade de Veterinaria do Campus Terra da USC, cuxo alumnado, así como o corpo de docentes e investigadores xa teñen ao seu dispor una sala de realidade virtual, así como unha cada vez máis completa aula de habilidades clínicas na que as persoas usuarias poden experimentar con modelos animais de simulación.
A realidade virtual constitúe unha ferramenta nova, pero que está a introducirse cun elevado grao de éxito na actividade docente, subliña o decano da Facultade de Veterinaria da USC, Gonzalo Fernández, quen entende que estes novos recursos tecnolóxicos, que non poden substituír o tradicional proceso de ensinanza prendizaxe, pois “non é o mesmo unha simulación que as prácticas en situacións e reais e con animais vivos”, si que se antollan como “un recurso apropiado e interesante para complementar e reforzar a docencia universitaria, así como para mellorar a formación práctica do alumnado”.
A aula de realidade virtual posta en marcha no centro universitario lugués, permite, entre outras múltiples aplicacións, segundo indica Gonzalo Fernández, “facer accesible para o alumnado, a través de vídeos ou imaxes, un abano moito máis amplo de granxas e demais centros e instalacións con animais nos que, por razóns de bioseguridade ou por mor da súa distancia respecto do centro universitario, resulta inviable a realización ou organización de actividades presenciais”.
As aplicacións que ofrece este novo laboratorio de realidade virtual da Facultade de Veterinaria son moi variadas, apunta o decano do centro, para logo explicar que estas novas dotacións permiten “facer comparativas entre distintas instalacións, coñecer e viaxar de xeito virtual por situacións, casuísticas e dependencias diversas nunha mesma sesión, visualizar, case de xeito presencial e en primeira persoa cirurxías ou outras intervenciones médicas, estudios anatómicos, modelos moleculares...”
Alén das múltiples prestacións que ofrece esta sala de realidade ou simulación virtual para o desenvolvemento de diferentes sesións prácticas, o alumnado, así como o propio persoal docente e investigador tamén poderá facer uso deste novo recurso tecnolóxico para repetir ou revisar actividades e prácticas en realidade virtual. A comunidade estudantil, engade o decano da Facultade de Veterinaria, tamén pode beneficiarse pouco menos que a demanda deste tipo de proceso formativo, que non sempre aparece recollido na programación de actividades da titulación, na aula de habilidades clínicas de que dispón o centro universitario lugués.
Estas dependencias universitarias, que contan coa supervisión permanente de persoal docente, ao tempo que ofrecen un amplo horario de apertura, ofrecen ao alumnado a posibilidade de experimentar e practicar moitos dos cometidos que deberán realizar na súa actividade profesional. Ademais, ao contar con modelos animais moi sofisticados, o alumnado ten a oportunidade de explorar e coñecer as características e o funcionamento dos seus respectivos órganos sen que a súa aprendizaxe teña repercusión algunha no grao de benestar de animais vivos.
Novos proxectos
Os novos recursos tecnolóxicos de que se ten dotado a Facultade de Veterinaria da USC no ámbito da realidade a simulación virtual abren tamén novas posibilidades ao Campus Terra para acometer proxectos e retos máis ambiciosos. De feito, estas novas dotacións están tamén abertas ao uso por parte de toda a comunidade universitaria do Campus Terra da USC. De feito, xa se contempla a realización de cursos de formación para o profesorado, así como a constitución dun grupo de traballo dos centros da sede universitaria luguesa orientado á creación dun repositorio de vídeos en realidade virtual, a fin de poder compartir logo este material audiovisual, e tamén con vistas para presentar en próximas convocatorias un proxecto Erasmus-Plus aberto a que outras universidades e centros nacionais e internacionais acheguen e poidan compartir logo a documentación acopiada neste repositorio virtual.