Veterinaria crea un comité asesor para favorecer a inserción laboral dos estudantes

LugoXa
A comisión asesora externa da facultade lucense prevé constituirse o día 10 de febreiro e permitirá tamén mellorar o plano de estudos
facultade veterinaria lugo
5 Feb 2021

A facultade de Veterinaria do Campus de Lugo contará cunha comisión asesora externa para mellorar a inserción laboral dos seus alumnos e alumnas.

A creación deste órgano asesor suporá dar pulo ao desenvolvemento de estadías de prácticas dos estudantes de Veterinaria e favorecer a súa inserción no mercado de traballo nos distintos ámbitos e sectores produtivos. Do mesmo xeito, permitirá ao centro incrementar a conexión co tecido produtivo e demais entidades do sector, co fin de incorporar ao plano de estudos da titulación, ou como actividades complementarias, aquelas materias, disciplinas ou actividades específicas nas que o mercado detecta necesidades de formación ou especialización.

O decano da facultade de Veterinaria, Gonzalo Fernández, explica que a comisión externa de asesoramento nace "coa vocación de superar a súa condición de parladoiro consultivo e participativo", co fin de converterse en "faro de orientación" para o centro universitario lucense e tamén en estrutura de apadriñamento sociolaboral para o alumnado e titulados egresados.

A reunión de constitución da comisión asesora está programada para o vindeiro mércores 10 de febreiro e farase de xeito telemático.

COMPOSICIÓN

A comisión externa de asesoramento da facultade de Veterinaria contará entre os seus compoñentes con representantes do Consello Galego de Colexios Veterinarios, da Confederación Empresarial Veterinaria Española (CEVE) e das asociacións nacionais de veterinarios especialistas en pequenos animais (Avepa), Medicina Bovina (Anembe), da Asociación Galega de Veterinarios de Porcino (Agavepor) e da asociación de veterinarios especialistas en équidos (AVEE).

A Xunta de Galicia participará tamén neste órgano consultivo a través de representantes das direccións xerais de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias e da de Saúde Pública. A presenza empresarial estará representada por Cooperativas Ourensanas S.C.G (Coren) nun foro. A ex presidenta da EAEVE e profesora da USC na Facultade de Veterinaria, Ana Bravo del Moral, e o catedrático da USC e coordinador da Agrupación Estratéxica de Investigación, Xestión e Produción Sostible de Biorrecursos (BioReDes), Paulino Martínez, tamén formarán parte desta comisión.

0.17190599441528