Veterinaria estende a pegada do coñecemento ata a India

LugoXa
O grupo de Investigación en Sanidade Animal de Galicia (Invesaga) do Campus Terra da USC achega formación especializada no ámbito da sanidade animal para mellorar a capacitación de futuros profesionais da India, en virtude dun convenio entre a USC e a Universidade Sher-E-Kashmir of Agricultural Sciences and Technology de Jammu.
equipo veterinaria investigacion india 2
10 Oct 2023

O grupo de Investigación en Sanidade Animal de Galicia (Invesaga) do Campus Terra da USC achega formación especializada no ámbito da sanidade animal para mellorar a capacitación de futuros profesionais da India, en virtude dun convenio entre a USC e a Universidade Sher-E-Kashmir of Agricultural Sciences and Technology de Jammu.

A Facultade de Veterinaria do Campus Terra da USC estende a súa pegada ata a India e achega formación especializada para mellorar a capacitación profesional no ámbito da sanidade animal de futuros profesionais do país asiático, a través dun programa impartido polo grupo de Investigación en Sanidade Animal de Galicia (Invesaga) no que están a participar tres dos mellores expedientes da Facultade de Veterinary Sciences and Animal Husbandry de Jammu, unha institución académica localizada no noroeste da India.

O módulo de formación específica que cursarán durante estes dous meses na sede universitaria luguesa Mahima, Nandini e Anjali, tres das estudantes da Facultade de Veterinary Sciences and Animal Husbandry de Jammu con mellores expedientes académicos, encádrase dentro das actividades promovidas ao abeiro do convenio asinado entre a USC e a Universidade Sher-E-Kashmir of Agricultural Sciences and Technology de Jammu.

A responsable deste curso específico sobre sanidade animal, a catedrática do Departamento de Patoloxía Animal da USC e coordinadora do grupo Invesaga, Rosario Panadero Fontán, sinala que o programa formativo aberto ao estudantado chegado da India desenvólvese ao longo de dous meses e inclúe un amplo abano de contidos. Neste senso, Rosario Panadero explicou que o obxectivo desta nova iniciativa internacional de transferencia de coñecemento é o de fortalecer a formación do estudantado participante en distintos aspectos da Sanidade Animal. Reforzar e potenciar a adquisición de distintas habilidades clínicas, ademais de fortalecer a capacitación internacional das tres alumnas chegadas a Lugo, tanto a nivel profesional coma persoal, a través de contactos con outros estudantes e profesionais veterinarios, constitúen outros dos cometidos do programa.

Este programa de formación específica ten un carácter eminentemente práctico e estase a desenvolver tanto nas distintas dependencias da Facultade de Veterinaria da USC, como noutras instalacións de que dispón o Campus Terra, como é o caso da granxa experimental de que dispón en Gayoso-Castro, e mesmo noutras granxas de porcino e de aves que colaboran co centro universitario lugués.

Os distintos módulos nos que está estruturado este programa abarcan os aspectos máis importantes da sanidade veterinaria sen perder de vista o concepto One-Health: Diagnóstico e control de patóxenos en animais domésticos, vixilancia e xestión da saúde da fauna silvestre, monitorización de carrachas e detección de patóxenos transmitidos, adquisición de habilidades clínicas mediante o uso de modelos animais, sanidade apícola ou mesmo a elaboración e redacción de traballos científicos.

Indian Council of Agricultural Research

O curso está xestionado polo Centro de Estudos Propios da USC, aínda que o seu custe corre a cargo na súa totalidade do Indian Council of Agricultural Research (ICAR), grazas aos fondos dun proxecto NAHEP (National Agricultural Higher Education Project) financiado polo Banco Mundial. O obxectivo co que naceu este proxecto é mellorar a calidade da educación superior na India, a fin de formar así profesionais máis cualificados que poidan contribuír a mellorar a produtividade en sectores claves para o desenvolvemento do pais, como é o caso da agricultura e mesmo da gandería.

Logo dunha primeira toma de contacto coas tres estudantes internacionais chegadas da India, a profesora Panadero Fontán destaca a súa excelente formación, un factor ue está a favorecer o aproveitamento das distintas sesións programadas no curso, ademais dun enriquecedor intercambio de experiencias. “Nesta primeira edición limitamos a matrícula a tres estudantes”, sinala a Rosario Panadero, que non descarta “ampliar este cupo de alumnado en próximas edicións e abrir tamén esta pasarela formativa a estudantado procedente outras universidades”.

A relación da profesora Rosario Panadero coa universidade Sher-E-Kashmir iniciouse fai máis dunha década coa estancia de investigación que o profesor Anish Yadav realizou no Campus de Lugo, co que mantivo relación no tempo grazas á colaboración en varios proxectos de investigación. Etas sinerxías culminaron na sinatura deste convenio de colaboración entre citada universidade da India e a USC, un acordo, que, segundo esta profesora na Facultade de Veterinaria, servirá de base para futuros intercambios e colaboracións tanto no ámbito docente coma investigador.

Satisfeita e ilusionada co resultado “tan positivo” desta primeira experiencia formativa con alumnado de Veterinaria da India, a profesora Rosario Panadero adiantou que o programa de intercambio aberto entre a Facultade de Veterinaria da USC e o centro homólogo da Universidade Sher-E-Kashmir of Agricultural Sciences and Technology de Jammu, terá continuidade nos próximos meses, cando chegarán á Facultade de Veterinaria de Lugo varios profesores indios para completar estadías de docencia e investigación por períodos de entre 15 días e dous meses de duración.

equipo veterinaria investigacion india

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.22564291954041