Veterinaria pon en marcha a terceira edición do TriviGal
A Comisión de Xénero e a Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Veterinaria organiza este martes 19 de marzo un TriviGal edición especial con motivo do 8M, incluíndo unha categoría temática sobre Feminismo.
A actividade lúdica, orientada á participación de toda a comunidade universitaria interesada, desenvolverase en ‘O recuncho’, tal e como se coñece o espazo situado ao carón da cafetería, no hall da Facultade de Veterinaria. As persoas interesadas en tomar parte nesta actividade deben cumprimentar o formulario xa habilitado en liña, onde tamén poden atopar información respecto do desenvolvemento do xogo.