Vía Galega chama a participar no izamento da bandeira en Lugo polo 107 aniversario da I Asemblea Nacionalista

LugoXa
O acto terá lugar o sábado 15 de novembro nos arredores do Pazo dos Deportes e celebrarase simultaneamente noutras 22 localidades galegas
actos-izamento-bandeira-Vía-Galega
14 Nov 2025

A Plataforma Social Vía Galega fai un chamamento á cidadanía para participar masivamente no acto de izamento da bandeira galega que se celebrará o sábado 15 de novembro, ás doce do mediodía, nos arredores do Pazo dos Deportes de Lugo.

O evento forma parte dunha iniciativa conmemorativa que se desenvolverá de maneira simultánea noutros 22 puntos de Galicia para lembrar o 107 aniversario da I Asemblea Nacionalista, celebrada en Lugo os días 17 e 18 de novembro de 1918.

Un ano máis, Vía Galega impulsa esta acción coa intención de popularizar e reivindicar os símbolos nacionais, especialmente a bandeira e o himno galego, este último pendente da súa restitución á versión orixinal, despois de que o Partido Popular manteña bloqueada dende hai máis dun ano a comisión parlamentaria encargada da súa recuperación.

O acto incluirá a lectura dun manifesto elaborado por Vía Galega para a ocasión, recitais de poemas de autores e autoras como Pousa Antelo, Celso Emilio Ferreiro, Marica Campo ou Manuel María, e rematará co izamento da bandeira mentres soa o himno galego na súa versión fidedigna.

Segundo a plataforma, esta campaña responde tanto á boa acollida que tivo nos últimos anos como á “escalada de españolización e ocultación” dos símbolos galegos. Como exemplo, Vía Galega citou o recente anuncio do desfile do Día das Forzas Armadas en Vigo o próximo ano. A entidade considera que “é máis necesario ca nunca promover accións que difundan o uso dos nosos símbolos, os únicos que nos representan, identifican e recoñecen como pobo”.

Vía Galega comprométese a continuar traballando para que todos os concellos coloquen bandeiras galegas en lugares visíbeis e permanentes. A plataforma lembra que, “se para todos os países os seus símbolos son importantes, para unha nación como a galega, sen estado propio e sometida durante séculos a un proceso de asimilación, resultan aínda máis relevantes”. Defenden que a bandeira e o himno son a expresión da existencia do pobo galego e do seu dereito a ser libre, símbolos que unen e fortalecen a identidade colectiva de Galicia.

⚙ Configurar cookies
0.054621934890747