Vicepresidencia da Deputación programa 59 representacións no ciclo de teatro profesional

LugoXa | TerraChaXa | SarriaXa | AMariñaXa | RibeiraSacraXa
Catorce compañías xirarán por 41 concellos, con montaxes para todos os públicos
teatro-escenario
Escenario
22 Xul 2024

A Vicepresidencia da Deputación de Lugo pon en marcha unha nova edición do Circuíto de Teatro Profesional promovido pola área de Cultura, que inclúe 59 representación de 14 compañías por toda a provincia.

Trécola Producións, Xamón Producións, Ítaca Teatro, Ubú Teatro, Pinconús, Teatro do Miolo, Señor López Producións, Satori Teatro, Baixo da Area Teatro, Lîlâ Teatro, Bátega Teatro, Mocromina Títeres, A Compañía Solitaria do Dr. Monifate e Loia Producións xirarán cunha vintena de representacións ata decembro. As propostas escénicas están destinadas a distintos públicos, desde teatro de títeres para público novo ata montaxe con gran peso do baile tradicional e da música en directo na escena ata adaptacións teatrais de textos literarios como Poeta en Nova York.

A deputada de Cultura Iria Castro sinalou que con este ciclo “a área provincial mantén o apoio á rede de compañías profesionais da provincia, poñendo en marcha unha programación concreta que lles permite rendibilizar o seu traballo creativo, e contribuíndo, no medio prazo, a consolidar un público para o teatro e as artes escénicas en todas as comarcas”.

Neste sentido, remarcou “a importancia de facilitar o acceso a propostas culturais de calidade en todo o territorio, de man de concellos e asociacións que precisan este tipo de colaboracións e iniciativas para ampliar as súas programacións culturais”.

O calendario, confeccionado coa colaboración de concellos e asociacións, que cofinancian as actuacións -achegan entre o 10 e o 30 por cento do importe, en función da poboación - inclúe representacións en A Fonsagrada, A Pastoriza, A Pontenova, Alfoz, Antas de Ulla, As Nogais, Baleira, Barreiros, Begonte, Bóveda, Burela, Carballedo, Castroverde, Cervo, Chantada, Cospeito, Foz, Friol, Guitiriz, Láncara, Lugo, Meira, Mondoñedo, Monforte, Monterroso, Navia de Suarna, O Corgo, O Saviñao, O Valadouro, O Vicedo, Outeiro de Rei, Pantón, Quiroga, Rábade, Ribas de Sil, Samos, Sarria, Taboada, Vilalba, Viveiro, Xermade.

Este ano súmanse ao circuíto as compañías Satori Teatro e Loia Producións.

As representacións arrancan este martes, 23 de xull ás 20.00 horas no Campo de San Francisco, Ribadeo con Trécola Producións e a obra Coa música a outra parte.

É unha comedia de títeres de luva e música en directo. Todos os públicos. Catro historias entrelazadas forman este enredo, baseado en varias obras de Rafael Dieste ás que Trécola lles dá unha volta, engadindo escenas de colleita propia e actualizando o seu argumento con temáticas combativas e irreverentes, para darlles un toque divertido e provocador.

O 11 de agosto, ás 18.00 horas, na praza do Pobo de Navia de Suarna, Ítaca Teatro. porá en escena Anaco. Trátase dunha peza de narración oral para  público mozo e adulto.

Historias vividas, escoitadas ou simplemente construídas no imaxinario do cotiá. As lembranzas van aparecendo nas nosas vidas sen pedir permiso. Un cheiro, un sabor, unha foto, os primeiros acordes dunha canción ou mesmo o silencio dunha tarde, calquera tarde, invádenos e convídanos a viaxar pola memoria. Así, pouco a pouco, van agromando imaxes que nos levan a outros tempos vividos e fannos andar por camiños xa transitados. Cando estamos en soidade adoitamos gozalos, saboreando eses instantes que flotan no aire e se instalan na alma. Cando estamos en compañía tratamos de reconstruílos con palabras para compartir as historias que se gardan neses anacos.

0.18990302085876