Victor Wooten & The Wooten Brothers estarán no XXXV Festival de Jazz de Lugo

LugoXa
Os lendarios irmáns estadounidenses actuarán o venres 7 de novembro nun espectáculo organizado pola Área de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua
Wooten-Brothers
16 Oct 2025

O virtuosismo e a enerxía de Victor Wooten e os seus irmáns serán protagonistas do XXXV Festival de Jazz de Lugo cun concerto que promete ser inesquecible.

O evento, organizado pola Área de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua do Concello de Lugo, celebrarase o venres 7 de novembro no Auditorio Fuxan os Ventos, a partir das 20:30 horas.

Os irmáns Wooten —Victor ao baixo e á voz, Joseph aos teclados e á voz, Roy á percusión e á voz e Regi ás guitarras e á voz— levan máis de catro décadas sendo recoñecidos como unha das formacións familiares máis talentosas e innovadoras do panorama musical internacional. A súa primeira aparición pública remóntase a 1966, en Hawai, cando xa amosaban unha sorprendente destreza que os levou a consolidarse como auténticos prodixios musicais.

En 1973, abriron concertos para lendas do R&B como Curtis Mayfield, e desde entón non deixaron de medrar en prestixio e recoñecementos. Hoxe acumulan 10 premios Grammy e 26 nomeamentos, consolidando unha traxectoria que combina virtuosismo técnico, improvisación e unha conexión especial co público.

Victor Wooten, considerado o irmán máis novo e o baixista que aprendeu dos seus maiores, foi recoñecido pola revista Rolling Stone como un dos dez mellores baixistas de todos os tempos, un mérito que confirma a súa relevancia e influencia dentro do jazz e da música contemporánea.

No concerto de Lugo, Victor Wooten estará acompañado polos seus irmáns Regi Wooten á guitarra, Joseph Wooten aos teclados e voz, e Roy “Futureman” Wooten á batería, nun espectáculo que combinará jazz, funk e soul coa virtuosidade que caracteriza a esta familia lendaria.

⚙ Configurar cookies
0.079797029495239