Vilabade acolle o Festival de Encontros na Terra esta fin de semana
A asociación cultural Espalladoira organiza o Festival Encontros da Terra coa colaboración do Concello de Castroverde e Luthería Davila.
O sábado 3 de xuño as actividades da mañá celebraranse no local da asociación Espalladoira e darán comezo ás 11.00 co monólogo Jubilación de Concepción Gonçalvez Quintela.
Ás 12.00 Ricardo Polín realizará a lectura dunha peza literaria da súa autoría creada especialmente para esta ocasión e ás 13.00 terá lugar a inauguración do museo Constantino.
Xa pola tarde, a partir das 18.30, na praza da igrexa de Vilabade haberá baile e música tradicional a cargo dos grupo A Volta do Agro de Lugo e Arroases de Vigo.
Para rematar o día a partir das 21.30 haberá unha foliada aberta.
O domingo, no local da asociación Espalladoira ás 12.30 terá lugar o monólogo Memorias dunha rapasa da costa a cargo de Marta Doviro.
Haberá degustación de filloas de balde e zona de acampada , furgonetas e autocaravanas.