Vilalba acolle a gala da Apehl, que se recupera tras varios anos
O encontro do gremio dos hostaleiros da provincia de Lugo volve este luns día 17 de abril tras varios anos de parón debido á pandemia. O acto celebrarase no hotel Spa Attica 21 de Vilalba.
Durante esta gala anual, que dará comezo ás 21:00 horas, a Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería e Turismo de Lugo (Apehl) fará entrega dos premios Toda unha vida nos fogóns, destinados este ano a María Luisa Rey e Jesús Pena, do establecemento A Nosa Casa, de Lugo; a Celia Neira e Manuel López, da Nosa Terra, de Lugo; a María Teresa Vázquez, de Mesón do Campo, de Vilalba, e a Maruja Ares, de Restaurante Galicia, de Baamonde.
O evento reunirá a distintas autoridades, representantes das diferentes denominacións de orixe e indicacións xeográficas protexidas, así como provedores e profesionais do sector.