Vilamaior, en Monterroso, conta cun novo local social para a asociación de veciños
A Asociación de Veciños de Vilamaior, en Monterroso, conta cun novo local social grazas a unha axuda da Xunta de Galicia ao abeiro do Plan específico de acción comunitaria para potenciar o asociacionismo veciñal. A Vicepresidencia segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes achegou 15.000 euros, o 90% do orzamento indicado na solicitude.
A actuación consistiu na construción dun pequeno centro para reunións, duns 50 metros cadrados, con tellado a unha soa auga, paredes en bloque revestidas con morteiro hidrófugo, e o interior con cámara e illamento de la de roca; colocáronse cinco ventás abatibles de PVC branco e acometeuse a instalación eléctrica, con catro enchufes e oito focos de luz LED. No que respecta ao equipamento, adquiriron mesas, bancos e cadeiras e un ordenador.
A asociación foi creada no ano 2008 e na actualidade conta con 114 socios; ata o de agora carecían de sede propia, o que limitaba a súa actividade xa que tiñan que valerse dunha carpa exterior. O novo local suporá un lugar de encontro para os veciños e veciñas, no que realizar actividades, asembleas, e mesmo axudar ás persoas que o precisen no uso das novas tecnoloxías.
Arias explicou que a Xunta convoca anualmente axudas específicas destinadas a entidades de participación cidadá -organizacións veciñais, asociacións de mulleres rurais e comunidades de usuarios de augas- para realizar investimentos, tanto de obra como de equipamentos.
O delegado territorial destacou a relevancia do apoio a estas entidades, que son claves na dinamización social, o intercambio xeracional e o esparexemento, especialmente nos núcleos do rural. Nesta liña, referiuse á consolidación do orzamento do Plan específico de acción comunitaria para 2023, con 3M€ que manteñen o incremento do 20% rexistrado neste ano.
En 2022, 224 entidades veciñais de toda Galicia recibiron apoio da Xunta para realizar obras de mellora nos seus locais, especialmente centradas na accesibilidade e na eficiencia enerxética, adquirir novo mobiliario e equipamento, ou reparar captacións de augas, entre outras.
No caso de Lugo houbo 31 colectivos beneficiarios que recibiron un global de 433.588 euros. Deles, 30 foron asociacións veciñais e un, unha asociación de mulleres rurais. “O obxectivo -sinalou o delegado- é mellorar a calidade de vida local e fomentar e dinamizar a participación veciñal e a cohesión social”