Vinte e dúas casas rurais de Lugo súmanse ao programa Outono gastronómico

Un total de 22 casas rurais da provincia de Lugo participan na décimo novena edición do programa Outono gastronómico, unha iniciativa promovida pola Xunta de Galicia a través de Turismo de Galicia co obxectivo de dinamizar o turismo rural fóra da tempada estival. A campaña desenvolverase durante as fins de semana, de venres a domingo, ata o 21 de decembro, exceptuando a ponte do 6 ao 8 de decembro.
Lugo é a provincia galega con maior número de establecementos adheridos, seguida da Coruña con 21, Pontevedra con 19 e Ourense con 16. Os participantes ofrecerán menús especiais elaborados con produtos de tempada, moitos deles amparados por denominacións de orixe e indicacións xeográficas protexidas, con dúas opcións a elixir en cada caso.
A maioría dos establecementos inclúen ademais paquetes de aloxamento, tanto para unha como para dúas noites, e nalgúns casos compleméntanse con experiencias adicionais, como paseos a cabalo, descensos en canoa ou visitas a lugares de interese turístico da contorna.
O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, visitou en Monterroso o Pazo de Ludeiro, un dos establecementos incorporados ao programa, onde destacou o éxito desta iniciativa que ao longo das súas dezaoito edicións anteriores xerou 6,6 millóns de euros no sector grazas á participación de máis de 100.000 persoas. Arias subliñou que o Outono gastronómico funciona como escaparate do turismo rural e da gastronomía galega e engadiu que este ano resulta especialmente necesario para apoiar ás zonas máis afectadas polos incendios forestais, contribuíndo á recuperación da súa actividade económica.