Vinte emprendedores interesáronse polos alugueiros de locais no viveiro da Tinería

LugoXa
Máis de 20 emprendedores e emprendedoras lucenses participaron na visita guiada que organizou o Executivo de Lara Méndez a cada un dos seis locais comerciais de titularidade pública, ubicados no barrio da Tinería, que o Concello pon a disposición das e dos interesados en réxime de aluguer, cunhas condicións moi vantaxosas.
visita locais tieneria concello
14 sep 2023

Máis de 20 emprendedores e emprendedoras lucenses participaron na visita guiada que organizou o Executivo de Lara Méndez a cada un dos seis locais comerciais de titularidade pública, ubicados no barrio da Tinería, que o Concello pon a disposición das e dos interesados en réxime de aluguer, cunhas condicións moi vantaxosas.

“Esta iniciativa enmárcase dentro da aposta da rexedora por darlle continuidade ao viveiro empresarial que puxo en marcha xa no ano 2018 no barrio da Tinería, como mostra do seu compromiso coa rexeneración económica e social desta zona do Centro Histórico”, explicou o concelleiro de Dinamización Económica, Mauricio Repetto.

O edil destacou a elevada participación na xornada de portas abertas “o que pon de manifesto interese que esperta esta convocatoria”. Para a cesión destes locais, en condicións moi vantaxosas, o Concello de Lugo, a través da área de Dinamización Económica, asinou un acordo co Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS) que contempla o arrendamento de sete locais de titularidade autonómica, un dos cales, situado na rúa Tinería 36, será empregado polo propio Concello para realizar actividades de dinamización, mentres que os outros seis locais poranse a disposición dos/as emprendedores/as da cidade.

O Concello reducirá os alugueiros nun 70% sobre o prezo estipulado polo IGVS, de xeito que a cota a satisfacer polos arrendatarios destes locais será o 30% do importe total que o Concello pagará a Xunta de Galicia. Ademais a administración local, asumirá o importe do IBI de todos os locais, e este custo non se repercutirá aos arrendatarios. Deste xeito, as rendas oscilarán entre os 18,59 euros mensuais do aluguer máis baixo e os 133,82 euros do máis caro.

Trala publicación da convocatoria no Boletín Oficial da Provincia, as e os interesados en optar a un destes seis locais teñen ata o día 29 de setembro para presentar a súa solicitude. Cada interesado poderá optar ata un máximo de dous locais, establecendo unha orde de preferencia para levar a cabo nos mesmos a súa actividade empresarial, aínda que os/as solicitantes só poderán ser beneficiarios/as do alugueiro dun local.

“Esta é a segunda convocatoria que poñemos en marcha, logo de que os inmobles estiveran ocupados durante os últimos cinco anos, contribuíndo á xeración de novos postos de traballo e ao despegue de proxectos empresariais de diversa índole, que poderán volver a presentarse se o estiman oportuno”, lembrou Repetto.

O edil subliñou que, como novidade, “as bases desta convocatoria inclúen a obrigatoriedade de contar cun horario comercial de apertura, que deberá respectarse durante todo o período contractual”.

Procedemento de adxudicación dos locais

O procedemento de adxudicación da cesión en réxime de aluguer dos locais, será o de concorrencia competitiva. Os proxectos presentados en tempo e forma serán avaliados por un Comité Técnico, que valorará as propostas en función das condicións específicas da actividade a desenvolver. Aqueles proxectos que pasen este primeiro filtro, serán avaliados segundo a tipoloxía da empresa e a adecuación da actividade proposta ás características do local, a dinamización comercial da zona, e a súa contribución á xeración de afluencia de público.

Poderán ser beneficiarios/as da cesión de uso dos locais aquelas persoas físicas ou xurídicas, que pretendan desenvolver unha actividade comercial e/ou de negocio nalgún dos locais que se poñen a disposición na zona da Tinería, sempre e cando se respecte a Ordenanza de Burgos Medievais.

Así mesmo, as persoas/entidades adxudicatarias dos locais, asumiran pola súa conta os custos do acondicionamento dos mesmos, de acordo coas características do local e do establecemento comercial que se pretenda abrir, tendo en conta a normativa urbanística que opera na zona de actuación, tanto para a actividade comercial e/ou de negocio a desenvolver, como para o acondicionamento interior e exterior.

0.13653993606567