Visita do BNG á Praza e o Mercado para facer balance das melloras
As concelleiras e concelleiros do BNG no Concello de Lugo visitaron a Praza de Abastos e o Mercado Municipal, “dúas instalacións históricas que dan vida ao centro da cidade cun modelo de mercado de proximidade e de calidade”, explicou o portavoz do BNG no Concello, Rubén Arroxo.
Arroxo afirmou que “no BNG seguimos a comprometernos coa mellora de ambas instalacións, aumentando a oferta de actividades e mellorando as instalacións para consolidar a Praza e o Mercado como dous puntos referenciais do comercio de proximidade en Lugo”.
No pasado mandato, desde o BNG realizouse un importante traballo de dinamización en ambas instalacións, reformando o soto da Praza, o que permitiu mellorar as instalacións e aumentar a calidade calidade do Mercado Tradicional dos martes e dos venres, aumentando a oferta de ambas instalacións levando adiante a concesión dos postos baleiros, e enchendo cada un dos espazos de actividades, como os obradoiros infantís das mañás dos sábados no Mercado, un éxito de participación semana a semana.
"Os mercados son para nós un piar estratéxico para a economía", afirmou Cristina López, concelleira responsábel da Praza e do Mercado no mandato 2019-2023, que engadiu "o mercado tradicional é un exemplo de fonte de creación de valor engadido para as nosas produtoras e produtores".