Visitan as Insuas do Miño como un exemplo de reservas da biosfera no curso da UNED

TerraChaXa | LugoXa
A acción formativa leva por título A Reserva da Biosfera Terras do Miño e a Custodia do Territorio como ferramenta de conservación.
curso reservas biosfera uned
16 Nov 2021

O deputado de Participación Cidadá, Roberto García Pernas, participou este luns no curso formativo que imparte a UNED coa colaboración da Deputación de Lugo sobre a xestión das Reservas da Biosfera. En concreto, asistiu a unha visita guiada ás Insuas do Miño, territorio propiedade da Deputación de Lugo e que forma parte da Reserva Terras do Miño.

Na visita explicáronse os valores da flora e da fauna deste territorio provincial, á vez que gravaron as indicacións para que o alumnado que seguiu a formación online puidese desfrutar da actividade. 

O curso, que se celebra no marco das actividades impulsadas pola institución provincial con motivo do 50 aniversario do programa MaB e que forma parte do programa da UNED Lugo Naturalmente, empezou a semana pasada. A Reserva da Biosfera Terras do Miño e a Custodia do Territorio como ferramenta de conservación de territorios de alto valor ambiental conta con 10 horas lectivas e outorga ao alumnado 0,5 créditos ECTS.

O curso, que pode seguirse nas modalidades online e presencial, continuará hoxe cun encontro sobre A Custodia do Territorio como ferramenta de conservación das Reservas da Biosfera co representante da Asociación Galega de Custodia do Territorio e presidente da Sociedade Galega de Ornitoloxía, Óscar Rivas López. Tamén haberá un obradoiro onde o alumnado poderá coñecer Exemplos prácticos de Custodia do Territorio nas Reservas da Biosfera lucenses da man de Martiño Cabana Otero, da Asociación Galega de Custodia do Territorio.

0.21134305000305