Visitan o Auditorio Fuxan os Ventos para comprobar a accesibilidade das persoas con mobilidade reducida

Membros de Auxilia Lugo visitaron o Auditorio Fuxan os Ventos xunto con Rubén Arroxo e Maite Ferreiro para coñecer de primeira man as necesidades do colectivo e das persoas con mobilidade reducida nesta nova instalación.
Maite Ferreiro subliñou a importancia de continuar traballando para facer de Lugo un concello máis inclusivo, onde todas as persoas, sen importar as súas capacidades físicas, poidan gozar dunha vida o máis normal posible. "É necesario garantir a accesibilidade e a perspectiva de xénero para crear un Lugo máis amable e accesible para toda a veciñanza", afirmou.
A Tenencia de Alcaldía xa implementou varias actuacións para mellorar a accesibilidade no Auditorio Fuxan os Ventos, como a reserva de espazos na sala principal do auditorio para persoas con mobilidade reducida e a habilitación de prazas de estacionamento accesibles, garantindo un mellor acceso a todos os usuarios.