Visitas teatralizadas, mostras e percorridos en Lugo na Semana dos Cemiterios Europeos
A concelleira Participación e Servizos para a Veciñanza, Cristina López, acaba de presentar as actividades que se realizarán no Cemiterio enmarcadas na Semana dos Cemiterios Europeos. A programación comezará este domingo e estenderase ata o mes de xuño, “achegando unha serie de actividades diversas coas que agardamos que toda a veciñanza se achegue e coñeza o noso cemiterio", explicou López.
No programa inclúense as xa tradicionais visitas teatralizadas representadas da man de Achádego Teatro, “que traerán ao noso recordo as vidas ilustres de persoeiros que deixaron coas súas obras e as súas vidas unha pegada inesquecible na nosa cidade”, dixo a concelleira. Así, Mallo, Asorey e os seus anxos terá lugar o vindeiro domingo 26 de maio ás 17.30 horas, nun percorrido polo cemiterio no que o público estará acompañado por algúns dos escultores máis famosos e que cobran vida para dar a coñecer as súas obras escultóricas máis relevantes do recinto.
Do luns 27 ao venres 31 de maio, realizaranse visitas guiadas á zona patrimonial que, explica López, “consisten nun percorrido pola zona histórica do cemiterio cunha detida análise didáctica dos mausoleos e monumentos máis salientables, así como das esculturas e ornamentación funeraria das diferentes construcións do recintos”, sinala a concelleira.
Ademais, permanecerán abertas as visitas ao Espazo Memoria Viva e á súa exposición permanente As necrópoles lucenses: do cemiterio Xeral de Magoi ao Cemiterio Municipal. “Un recinto museístico único no Estado que alberga unha exposición permanente”, explica Cristina López. A Semana dos Cemiterios Europeos rematará o domingo 2 de xuño coa visita ao Cemiterio Municipal da Asociación Cultural Francisco Lanza de Ribadeo, “na que se realizará unha xornada de intercambio cultural con Memoria Viva da Lingua”, sinala a concelleira de Participación.