Voltan as festas do Santiago a Castroverde

LugoXa
As festas do Santiago Apóstolo do Concello de Castroverde voltan un ano máis cunha programación diferente e amena.
castroverde concello
22 Jul 2021

As festas do Santiago Apóstolo de Castroverde voltan un ano máis cunha programación diferente. Desta maneira, das verbenas e das festas que coñecíamos antes pasouse ás charangas, espectáculos de teatro e maxia; facendo uns festexos cunha programación variada para toda a familia e para todos os gustos.

O sábado 24 pola mañá -ás 12 horas- será o día que comecen as actuacións, e o paiaso Peter Punk será o encargado de inaugurar a xornada co espectáculo de circo Punkdemia, que se levará a cabo na praza do Concello. A continuación, ás 13.30 será o turno da charanga Santa Compaña que iniciará o seu recorrido na praza do Concello e que seguirá polos distintos bares do pobo.

Xa pola tarde, ás 18 horas chegará a maxia á vila grazas aos magos Manuel Lamas, Pedro Bugaín e mago Owy, que farán a gala de maxia e comedia na praza do Concello. Chegadas as 19.30 horas voltará a charanga Santa Compaña que realizará o mesmo recorrido polos bares de Castroverde para amenizar a tarde do sábado con música e bo ambiente. Chegada a noitiña, ás 22.30, realizarase o cine na rúa coa presentación e coloquio do director Ignacio Vilar sobre o filme María Solinha, unha película que trata dunha rapaza acusada de bruxería e queimada pola Inquisición no século XVII.

O domingo 25 de xullo, a xornada comezará de novo ás 12 horas con Teatro ó cubo, co espectáculo de circo denominado Ghop!, na praza do Concello. Ás 13 horas será a misa solemne na igrexa parroquial e ás 13.30 horas actuará Young Murajazz Big Band na praza do Concello. Xa ás 14 horas será o turno das charangas e a encargada, desta vez, é Pacharanga León que tamén irá polos diferentes bares do pobo, comezando polo Camiño.

Pola tarde voltará a maxia e, ás 18 horas, a maga Fani e Marín Camiña realizarán o espectáculo Un par de dous. Ás 19.30 voltarán as charangas, neste caso, será o turno da charanga Mekánika e da charanga Pacharanga, que iniciarán o traxecto no Camiño, novamente, e volverán a ir polas diferentes rúas de Castroverde, visitando os distintos bares do pobo.

Finalmente, o sábado 31 de xullo xa están programadas dúas actuacións de teatro; por unha beira, ás 18 horas será o turno da compañía solitaria do Dr. Monifate coa obra Cancións de animais para nenos case normais, que se levará a cabo na praza do Concello e, ás 21 horas, Redrum Teatro serán os encargados de realizar a obra 2Pilgrims no ximnasio do CPI Castroverde. Ponse, desta forma, punto e final a unhas festas diferentes pero con espectáculos variados dirixidos a todos os públicos.

cartel festas castroverde
0.089794158935547