Uns 450 deportistas participan na carreira ciclista III Memorial Xosé Antonio López de Monterroso
O Concello de Monterroso colabora co Club Ciclista Lucus Augusti na posta en marcha da carreira ciclista III Memorial Xosé Antonio López, que se vai celebrar na localidade este sábado día 22 de xuño. O Goberno local recupera deste xeito a carreira en recordo do ‘Roán’, que non se celebraba no municipio desde o 2019.
A proba está inlcuída no calendario marcado pola Federación Galega de Ciclismo, e será puntuable para a Copa Galicia de ciclismo concretamente para as categorías de cadete e júnior. A previsión é que participen na proba preto de 450 ciclistas no percorrido que comezará na rúa Benigno Vázquez a partir das 10.00 horas.
Piden, deste xeito, precaución ao longo da mañá polo paso de motos, vehículos e ciclistas na estrada, sendo moi perigoso calquera obstáculo ou animal para os corredores. Participan as categorías Escolas, Promesas, Principiantes, Alevíns, Infantís, Cadetes e Júnior. Trátase dunha carreira para a modalidade de estrada realizada nun circuíto urbano pechado ao tráfico adaptado a idades e categorías, con 4 circuítos disintos e cun número determinado de voltas.
A proba está inscrita dentro do Calendario da Federación Galega de Ciclismo, aínda que é de ámbito estatal. A percorrido de escolas será a partir das 16.00 horas e para cadete e júnior terá unha contra reloxo individual pola tarde e tamén percorrido en estrada pola mañá. A entrega de trofeos terá lugar ao rematar.
No acto de presentación participaron o alcalde de Monterroso, Eloy Pérez, o concelleiro Balbino Martínez, o presidente do Club Ciclista Lucus Augusti, Francisco Javier Lorenzo Nieto, o vicepresidente, Fernando Vázquez Enríquez, a viúva de José Antonio López, Clara Isabel Novo Rodríguez, e Rafael García, en representación da Deputación de Lugo, institución que cofinancia a proba a través do Plan Concellos.