Volve á praza da Mosqueira de Lugo o ciclo de concertos Muralleando
Volve a quinta edición do ciclo de concertos Muralleando, que abrirá a Praza da Mosqueira ás distintas agrupacións musicais de Lugo. En total, 21 agrupacións mostrarán a súa música con concertos gratuítos que terán lugar os venres e sábados, a partir das 20.30, entre o 5 de xullo e o 31 de agosto.
Rubén Arroxo lembrou que "os concertos do Muralleando apareceron xusto despois do confinamento, no ano 2020, co obxectivo de animar con música os distintos paseos das veciñas e veciños ao redor da Ronda da Muralla e ao mesmo tempo colaborando co tecido cultural local, que vira anulados moitos eventos". Arroxo destacou que a praza da Mosqueira “permite organizar actividades culturais e de ocio respectando a visión da gran concentración de patrimonio que hai nesta zona”, en referencia á propia Mosqueira e ao edificio racionalista do arquitecto Eloy Maquieira.
O tenente Alcalde explicou que “catro anos despois xa está consolidado como unha das actividades culturais máis importantes para os meses de verán, converténdose no punto de encontro das agrupacións locais, mantendo a Muralla como protagonista ao celebrarse na Praza da Mosqueira, un dos espazos máis importantes na programación cultural”.
Programación completa do Muralleando 2024:
Xullo
DÍA 5 Banda Filarmónica
DÍA 6 Caivanca
DÍA 12 Minton´s Jazz
DÍA 13 Lora Hace Pam e Foolans
DÍA 19 Virtua Tennis
DÍA 20 Fruit Juzz
DÍA 26 Man de Santo
DÍA 27 Skarapotes
Agosto
DÍA 2 DÍA DO HIP-HOP: Suzzu, NP, Sozat, Shawn Frost e Rodr
DÍA 3 Conderadores de Fluzo
DÍA 9 Perguizán
DÍA 10 Vrasica
DÍA 16 Iria Estévez
DÍA 17 Mustélidos
DÍA 30 Panosedán
DÍA 31 Jade