Volve a segunda edición do Nadal Fest
O Patio do Seminario acollerá a segunda edición do Nadal Fest, unha actividade organizada pola Concellería de Xuventude, dirixida por Mauricio Repetto, que terá lugar o vindeiro xoves 22 de decembro a partir das 19.30h, e que inclúe “unha serie de concertos que, baixo o fío condutor do Nadal e da mellor música urbana actual, darán continuidade aos que ofrecemos na pasada edición e que resultaron un éxito” explicaba o edil.
O edil presentou o cartel deste ano, que conformar os artistas Kyr4, Bejo e Luna Ki, “os máis destacados da escena urbana nacional”. O obxectivo, sostivo, é consolidar este festival pensado para darlles unha alternativa de ocio musical á mocidade, pensando nun público de 16 e a 35 anos de idade.
A entrada aos concertos será libre e gratuíta para un aforo aproximado de 2.000.
Kyr4 (A Coruña, 1999). Iniciou no mundo do hip hop este ano co seu tema ‘Cantandote al oído’, que axiña se converteu nun fenómeno viral, espertando o interese do gran público. Con só 23 anos preséntase por primeira vez en Lugo á vez que traballa no seu primeiro disco, que verá a luz a principios de 2023.
Bejo (Tenerife, 1994). É un dos artistas máis interesantes e polifacéticos do rap nacional. Desde as súas actuacións con Locoplaya aos seus concertos, Bejo expón os seus espectáculos como unha festa fóra de calquera tópico que, ademais de gañarse o interese mediático, levoulle a estar presente nos carteis dos mellores festivais e a cruzar o charco para USA, México, Ecuador, Colombia, Chile e Arxentina. Será a súa primeira vez en Lugo en solitario.
Luna Ki (Barcelona, 1999). Empezou a cantar para canalizar na música toda a dor, a incomprensión e o desprezo que sufriu na adolescencia; e isto reflíctese dunha maneira ou doutra en todas as súas cancións. En 2018 publicou o seu primeiro tema e, en pouco tempo, os seus fans convertéronse en lexión.
Máis actividades
O edil aproveitou tamén para facer un chamamento a tódolos mozos e mozas a sumarse ás actividades que a concellería que dirixe ten programadas neste último trimestre do ano e que continúan de cara as datas de Nadal.
A oferta lúdica inclúe tenis de mesa, ioga ou zumba. Ademais, e en vista do éxito que acadou o pasado ano, Repetto anunciou que continua o ciclo de masterclass de nutrición. E tamén, dentro desta programación, hai prazas libres para o Láser Tag, que terá lugar o 18 de decembro, así como para as rutas en e-bike, os días 4 e 11 de decembro.
Neste senso, lembrou que segue aberta á mocidade a opción de sumarse á orquestra Terra Nova, de recente creación e dirixida polo músico Nicolás Ravelli Barreiro. Unha formación que esta tendo lugar todos os sábados, de 11.00 horas a 14.00 horas, na Casa da Xuventude.
Para poder participar nestas actividades, os e as mozas deberán inscribirse a través da web xuventudelugo.gal.