Volve aparecer a rata toupa no sur da provincia de Lugo

LugoXa | SarriaXa
As gandeiras da montaña lucense, afectadas por esta problemática, trasladaron a súa queixa ao Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas
danos-rata-toupa--montaña
28 Feb 2025

A presenza masiva da especie Arvícola terrestris, coñecida como “rata toupa”, volve ser un serio motivo de preocupación nas granxas da provincia de Lugo, especialmente na zona de Pedrafita, onde a súa proliferación está xerando importantes danos nas praderías e na herba ensilada.

As gandeiras da montaña lucense, afectadas por esta problemática, trasladaron a súa queixa ao Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL), advertindo sobre as consecuencias negativas que isto trae para a viabilidade económica das explotacións, dado o aumento dos custos de produción vinculados á alimentación do gando.

A situación non é nova, xa que en 2020, a proliferación descontrolada desta especie herbívora en varias comarcas do sur e leste de Lugo causou estragos en case dúas mil hectáreas de terreo, afectando a milleiros de leiras.

Por iso, leváronse a cabo traballos de campo en Triacastela que permitiron o desenvolvemento dunha análise, investigación e estudo sobre a praga da rata toupa, levando a Sara Ruiz, investigadora triacastelá, a chegar a unha conclusión: "A investigación avala o uso de cairomonas para controlar a reprodución da rata toupa".

Porén, de novo, as granxas están tendo que facer fronte a esta problemática sen o apoio necesario da administración, o que pon en evidencia a falta de medidas efectivas para combater a expansión da rata toupa.

Desde o SLG-CCLL denuncian que, malia que esta situación xa foi abordada en episodios anteriores, a Consellaría do Medio Rural (CMR) segue sen contar cun protocolo de actuación definido para paliar os danos ocasionados por esta especie. Neste sentido, o sindicato demanda a creación dunha liña de axudas para compensar as perdas económicas que están a sufrir as granxas afectadas e insta a CMR a convocar unha reunión para tratar a cuestión e buscar medidas que poidan permitir un control adecuado da presenza da rata toupa.

Entre as propostas que desde o SLG se barallan, destaca a valoración de estratexias máis aló do trampeo, como a aposta por manter unha presenza de depredadores naturais nas zonas afectadas, como a donicela, o raposo ou as aves rapaces, co obxectivo de restablecer un equilibrio natural que regule a poboación desta especie. O sindicato insiste na necesidade de actuar de forma conxunta e decidida para evitar que os danos causados pola rata toupa sigan afectando a rendibilidade das granxas galegas.

⚙ Configurar cookies
0.17165493965149