Volve este sábado o concurso de recitado na Casa Museo de Manuel María
Os versos de Rosalía de Castro e Manuel María escoitaranse, este sábado, en Outeiro de Rei, na voz de escolares vidos de distintos lugares de Galiza. A Casa-Museo Manuel María acolle unha nova edición, a sétima, da fase final do seu Concurso escolar de recitado Rosalía sempre viva.
O certame está dirixido para o alumnado de ensino non universitario galego, desde primeiro de Primaria até segundo de Bacharelato e ten por obxectivo potenciar a expresión oral e a creatividade dos participantes a través do coñecemento e o recitado da poesía en galego de Rosalía de Castro e da ampla obra poética de Manuel María. A presente edición xa celebrou unha fase previa nos distintos centros educativos que participan de Lugo, Vilalba, Foz, Monterroso, Cervo, As Neves, Ponteareas, O Porriño, Vigo, Vilagarcía, Xanceda, Pontedeume, Fene, Coristanco, Arzúa, Melide e O Barco.
A xornada deste sábado estrutúrase en quendas de mañá e de tarde, dado o número de participantes finalistas. Durante a mañá recitarán as categorías 1ª e 2ª, correspondentes ao estudantado de primaria, e durante a tarde a 3ª e 4ª categoría, que se corresponden con alumnado de secundaria, bacharelato e ciclos formativos. Os recitados da mañá darán comezo ás 11.30 e os da tarde ás 16.30. No decorrer da xornada, nos momentos de deliberación do xurado, organizaranse percursos guiados polo interior da Casa-Museo Manuel María para os participantes, así como para o profesorado e familias que os acompañen.