Volve o fútbol post-covid

TerraChaXa | LugoXa | SarriaXa | RibeiraSacraXa | AMariñaXa
Tras un ano a medio gas, esta tempada volverá a competición futbolística, con normas covid necesarias para manter a seguridade sanitaria.
ivan celebrando
22 Aug 2021

Tras un ano a medio gas, esta tempada volverá a competición futbolística a todos os rincóns da provincia, con normas covid necesarias para manter a seguridade sanitaria. Aínda que a competición iniciarase máis tarde e haberá cambios, a esencia da mesma manterase.

A irrupción do virus provocou o pasado mes de marzo de 2020 a suspensión da Liga en todas as súas categorías. Aínda que se lle deu unha saída pechando a tempada cos resultados ata a data, xa que en moitos casos faltaban pocas xornadas por disputarse, quedou unha espiña cravada en moitos equipos, con opcións e que quedaron ás portas de ascesos o primeiros postos.

O pasado ano, tras moitos tiras e afrouxas celebrouse unha competición moi limitada e escueta. O fútbol profesional e as categorías nacionais tiveron unha competición bastante similar á de anos anteriores, aínda que tiveron que reaxustar os calendarios para evitar desprazamentos innecesarios e reducir os contactos de grupo.

Nas categorías autonómicas e provinciais o seu comezo tivo que aprazarse en varias ocasións a medida que os distintos gromos temporais provocaban un crecemento de casos no territorio. Ao final, houbo que esperar ata febreiro para dar comezo a unha liga que se centrou en poucas xornadas pero que finalmente se solventou cun novo deseño de competición en case todas as categorías, dividindo os grupos habituais en subgrupos.

Aínda así, o fútbol de base fixo unha mini tempada que soubo a pouco aos xogodares pero que deu algo de normalidade á vida deportiva. Onde houbo algo de polémica foi nas categorías de sénior por debaixo de Preferente, as de fútbol afeccionado. Unha gran parte dos equipos non quixeron xogar debido á situación de risco polo que moitos se plantaron ante a Federación para renunciar á competición, a risco de que iso lles implicase un descenso de categoría.

Finalmente, e debido a que moi poucos equipos estaban dispostos a xogar, anuláronse a Primeira, Segunda e Terceira Autonómica (que esta ano levarán o nome de Primeira, Segunda e Terceira Galicia). Os mesmos equipos que se plantaron o ano pasado este están dispostos a competir alegando que as “condicións sanitarias melloraron moito” debido á xeralización da vacinación.

A NOVA TEMPADA

A nova tempada terá modificacións sobre o habitual xa que estar divididos en subgrupos parece a mellor opción para solucionar dúas cuestións fundamentais, reducir os desprazamentos e o contacto entre equipos. Deste modo, hai unha primeira fase en cada subgrupo e despois os campións enfróntanse polo título e o resto por evitar o descenso.

Precisamente o descenso será un dos grandes pesadelos desta tempada. Se nas anteriores quedaron suspendidos ao no poder facer unha competición normal, este ano, volverán estar vixentes para volver a equilibrar as competicións.

Outra das normas que estarán vixentes esta tempada será que non haberá cobertura de vacantes por non inscricións de equipos. É dicir, si un equipo non se inscribe ou renuncia a participar nunha categoría, esa praza non será cuberta por ningún outro equipo.

O motivo desta modificación é o elevado número de equipos nas divisións que reciben ascensos debido a que nas últimas tempadas non se produciron descensos.

FÚTBOL BASE

Todo está listo xa para o comezo do fútbol base nas categorías autonómicas. Os equipos, que xa están inscritos, competiron a pasada tempada, malia que só o fixeron durante tres meses. Este ano volverán ter subgrupos e a súa data de comezo oscilará entre a última fin de semana de setembro e a primeira de outubro.

Así en xuvenís participarán este ano, Viveiro, Ribadeo, Polvorín e Residencia no Norte e Calasancio no Sur. O Vilalbés de Liga Galega decidiu non competir este ano nesta categoría e dentro dos coruñeses estará o As Pontes. En cadete tamén estarán Viveiro, Ribadeo e Residencia, ademais de Vilalbés, Lugo B e Milagrosa, sen faltar o Calasancio no Sur.

En infantil están inscritos Viveiro, Castro, Lugo e Residencia.

As ligas galegas, que contarán este ano cunha nutrida participación provincial, complétanse coas de ámbito nacional. O Lugo terá equipo nas Divisións de Honra xuvenil e cadete e en Liga Nacional, nesta última tamén estará o Vilalbés. Estas si comezarán antes. Os primeiros serán os xuvenís, que sairán ao campo a primeira fin de semana de setembro. O resto o farán a mediados de mes.

Tamén volverán as ligas provinciais e de fútbol 8, que se están preparando pero para as que aínda queda organizarse e establecer que sistema de competición levarán a cabo. Non empezarán como mínimo ata mediados de outubro.

FÚTBOL SÉNIOR

A primeira en comezar será a Terceira, que o fará a segunda fin de semana de setembro. Co calendario listo e seguindo a dimánima de todos os anos. Participan este ano Polvorín, Viveiro e Vilalbés.

A Preferente, que xa tivo competición o curso pasado, comezará a tempada a mediados de setembro, tamén con dúas fases e dividos en subgrupos. Nesta categoría participarán Foz, Ribadeo, Santaballés, Residencia, Sarriana, Escairón e Lemos no grupo do Norte, xunto ao CD As Pontes. Todos estarán no mesmo subgrupo inicial. Nesta categoría hai 50 equipos inscritos, cubrindo a totalidade das prazas dispoñibles.

En Primeira Autonómica está todo listo tamén. Particparán este ano, tras a pausa do ano pasado, 100 equipos, un menos que na última edición celebrada e que corresponde á zona de Ourense.

Así, no grupo lugués estarán os 20 que estaban. Pol, Chantada, Monterroso, Riotorto, Outeiro de Rei, Burela, Guntín, Taboada, Xove Lago, Chantad Atlético, Folgueiro, Castro, Pastoricense, San Roque, Friol, Lourenzá, Alfoz, Pontenova, San Lázaro e Portomarín.

Todos eles xa confirmaron a súa participación e deron comezo aos adestramentos en maior ou menor medida. Para estes, a liga arrincará a mediados de outubro. Tamén estarán este ano divididos en subgrupos. O lugués, terá un subgrupo cos da zona norte e outro cos da zona sur, que nunha segunda fase xogarán uns contra os outros.

Así mesmo, haberá competición en Segunda e Terceira pero o prazo de inscrición para as categorías oficiais de Fútbol 11 conclúe o próximo 31 de agosto.

A inscrición, a realizar a través da Intranet da RFGF, é obrigatoria para poder participar nas devanditas competicións oficiais e despachar as correspondentes licenzas.

De todos os xeitos, os primeiros sondeos avanzan a disponibilidade de todos os equipos para competir de novo este ano. Moitos deles xa comezaron tamén cos adestramentos pero outros están esperando ao 1 de setembro ou mesmo o 6 para dar inicio á fase de preparación. Para estes a Liga dará comezo tamén a partir do 17 de outubro, tal e como informou a Federación aos equipos.

FÚTBOL FEMININO

A Real Federación Galega de Fútbol xa ten definidas as datas de inicio de todas as categorías do fútbol femenino galego, incluída a nova Liga Galega Cadete.

Do mesmo xeito xa está aberta a inscrición para poder anotarse en cada categorías, requisito obrigatorio para poder tramitar licenzas e poder competir na tempada 21-22.

A Primeira División Galega dará comezo o 3 e o 10 de outubro (si se inscriben todos os equipos haberá grupos con distinto número de equipos). O 10 arrancará a Segunda División e o 17 as tres categorías de base: Liga Galega Cadete, Liga Galega Infantil e Liga Galega Promesas. A competición de Fútbol-7 dará comezo o 24 de outubro.

Como é obvio, esta previsión de inicio podería verse afectada pola evolución da situación sanitaria.

ACTIVIDADES PREVIAS

Para ir quentando motores, o Comité Galego de Adestradores da RFGF volve á carga e en colaboración co Comité Técnico Galego de Árbitros de Fútbol organiza mañá, luns 23 de agosto, unha xornada formativa coa arbitraxe como gran protagonista.

A temática da cita, que será telemática a través da plataforma Zoom, virará ao redor das regras do xogo da tempada 2021/2022 que está a piques de arrincar.

Os relatores serán dous colexiados galegos que están na máxima categoría do fútbol español: o pontevedrés Alejandro Muñiz Ruíz, que precisamente este curso debutará na Primeira División, e o asistente coruñés Diego Sánchez Rojo, con experiencia internacional.

A xornada está aberta a todos os estamentos do fútbol e comezará ás 21 horas.

Polo de pronto, os árbitros galegos do fútbol profesional superaron xa as probas físicas de inicio da tempada 2021-2022 celebradas no campo de fútbol de Chaián, en Trazo. O CTA da Real Federación Española de Fútbol decidiu por motivos sanitarios que os distintos comités territoriais acolleran estes controis, ao igual que sucedeu a tempada pasada.

Todas estas novas normas e cuestións están pendentes aínda da celebración da asemblea xeral ordinaria da RFGF, que se celebrará on line que ofrecerá os resultados das súas votacións o mesmo día 30.

Tamén se estuda a volta da Copa Deputación este ano, pero quedaría por saber a que altura da competición se faría xa que o ano da pandemia cambiárase o sistema para ter as primeiras eliminatorias antes de final de ano e non deixalo todo para o final da tempada. O ano pasado, loxicamente non houbo competición.

PROTOCOLOS COVID

A Real Federación Española de Fútbol vén de publicar o protocolo reforzado de actuación para a volta das competicións oficiais de ámbito estatal e carácter non profesional para a tempada 2020/2021.

No marco da actual pandemia de COVID-19 e a nova normalidade que seguiu ás etapas de confinamento e desescalada durante os anos 2020 e 2021, este protocolo establece un marco xeral relativo aos procedementos médicos, sanitarios e hixiénicos, así como os protocolos operativos que deben aplicarse na organización das competicións oficiais de ámbito estatal e de carácter non profesional da Real Federación Española de Fútbol.

Para minimizar ese risco nas competicións que están baixo a tutela da RFEF e que se desenvolven nas CCAA requírese dun Protocolo de mínimos claros, pero tamén é imprescindible que os participantes no desenvolvemento das competicións de fútbol e fútbol sala respecten estritamente todas as recomendacións, instrucións e precaucións establecidas neste documento, así como as boas prácticas estándar recomendadas.

Agora queda sobre a mesa a opción de que nas categorías sénior de afeccionados e veteranos prevaleza o certificación de vacinación sobre as probas serolóxicas cada quince días.

vilalbes presentacion pretempada
ivan celebrando
castro infantil
as pontes cd
Captura de pantalla 2021 08 22 a las 11.31.12
00100_0000024561_1_PHOTO_2021_08_11_13_54_33

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.20604205131531