Volve poñerse en marcha o programa Tradigalu, para levar a música tradicional pola provincia

A Vicepresidencia da Deputación de Lugo pon en marcha unha nova edición de Tradigalu, que levará actuacións de grupos de música tradicional, bandas e corais polas distintas comarcas ata final de ano.
A área de Cultura reforza o programa que contará cun 350.000 euros – 100.000 máis que na última anualidade - e que ten como principal obxectivo promover e difundir a música popular e tradicional, fomentando a súa presenza nas programacións musicais e culturais de asociacións e concellos.
A deputada Iria Castro destacou que “ampliamos a dotación do programa, que o ano pasado volveu ter unha gran demanda por parte das asociacións e concellos e que xenera unha parte importante da actividade das agrupacións de música tradicional, fundamentais na conservación do noso patrimonio musical”
A responsable de Cultura lembrou que “en 2024,Tradigalu permitiu programar máis de 250 actuacións, consolidándose como unha das principais vías de apoio á celebración de festas e celebracións populares nas aldeas e parroquias das distintas comarcas, desde festas patronais ata foliadas, polavilas ou magostos”.
As asociacións e colectivos interesados en participar no programa poden consultar as bases na web cultura.deputacionlugo.gal e trasladar as súas demandas a área de Cultura a través do enderezo electrónico cultura@deputacionlugo.gal. A área de Cultura asume o 80 por cento do custo da actuación. Asociacións e concellos deben aboar aos grupos o 20 por cento restante.
Na confección do calendario de actuacións, a área de Cultura buscará chegar a todas as comarcas, evitando a concentración en puntos concretos e prestando especial atención á conservación e fomento das tradicións.