Volven as carreiras populares Lugo Monumental e Corre Con Nós
A Concellería de Deportes, dirixida por Mauricio Repetto, avanza as datas das dúas das carreiras populares máis esperadas e exitosas, a XIX edición da Lugo Monumental e o XXI Circuíto Corre Con Nós, co obxectivo de continuar facendo de Lugo “unha cidade punteira para o deporte onde se seguen promovendo os hábitos de vida saudables”.
O edil destacou que ambas as dúas convocatorias chegan con toda a forza da que sempre fixeron gala, pero “con ganas renovadas xa que recuperamos, tras a etapa da pandemia, a total normalidade”.
Así, a XIX Edición Lugo Monumental – GP Caixa Bank celebrarase o domingo 18 de decembro. O edil de Deportes detallou que será unha edición atractiva e extraordinaria, “na que recuperaremos a proba dos menores, que na última edición non correron pola situación sanitaria”.
Así, ás 11.00 horas será a saída das e dos participantes de entre 5 e 16 anos sobre percorridos de 250 a 3.000 metros, e a partir das 12.00 horas será a quenda dos adultos (cun límite de 1.500 participantes) sobre unha distancia aproximada de 10.000 metros.
Por outra banda, o concelleiro anunciou a volta do circuito das seis carreiras do Corre con Nós, un dos eventos populares con máis éxito de convocatória. As datas previstas son o 28 de xaneiro (domingo); 19 de febreiro (domingo); 19 de marzo (domingo); 23 abril (domingo); o sábado 20 maio e o domingo 11 xuño.
A concellería irá anunciando máis información sobre as probas e sobre a apertura de inscricións.
Repetto sinalou que “é xusto recoñecer que, para lograr este éxito coas carreiras, ten antes que producirse un gran sacrificio non só das e dos corredores, senón tamén dos clubs e das empresas patrocinadoras porque sen o gran labor que desempeñamos entre todos non sería posible a realización destes eventos deportivos”, á vez que agradeceu “a implicación da veciñanza e dos afeccionados no desenvolvemento de cada competición”.