Volven ás rúas de Lugo as propostas de envellecemento activo
Lugo acollerá un ano máis o programa de actividades físicas na rúa, co que se pretende “aproveitar as prazas e parques da cidade como punto de encontro para a práctica deportiva de actividades físicas, ao tempo que se fomenta a socialización dos nosos maiores”, explica a edil Olga López Racamonde. Trátase dunha medida que busca o envellecemento activo, cunha proposta de ocio saudable que arrancará o 1 de xullo e que se prolongará ata o 29 de agosto, con horario de 18.00 a 19.30 horas, e que non precisa de inscrición previa.
Estas actividades desenvolveranse de xeito alterno: Os luns e mércores, nas prazas e parques do Castiñeiro, Viana do Castelo, Carballeira de Fingoi e Trapero Pardo, mentres que os martes e xoves, os lugares escollidos para a práctica de estas actividades serán as prazas da Milagrosa, da Igrexa e das Illas, ademais da zona de Abella. O punto de encontro para as e os que queiran participar serán os distintos centros de convivencia da cidade.
Así, os luns e mércores, antes do comezo da actividade, todas aquelas persoas que desexen tomar parte nelas deberán achegarse aos centros cívicos de Abella, Paco Martín, Fingoi e Leiras Pulpeiro. Mentres que os martes e xoves farán o propio nos locais de Fingoi, Sagrado Corazón, Milagrosa e Abella. Estas actividades que se iniciaron na época da pandemia na que se impoñía o desenvolvemento de propostas ao aire libre tiveron moito éxito, polo que o Concello apostou por mantelas na oferta de ocio activo para os maiores de Lugo. A edil Olga López Racamonde fala da importancia de “ofrecer propostas de animación sociocultural, que promovan o ocio saudable e un modelo de vida activa, combatendo a soidade e o sedentarismo deste colectivo”.