Volven os Vieiros Escolares Seguros para os nenos e nenas de Lugo

O CEIP As Mercedes incorporouse á rede de Vieiros Escolares Seguros promovida polo Concello de Lugo coa posta en funcionamento do servizo coincidindo coa volta ás aulas tras as vacacións de Nadal. O inicio do percorrido contou coa participación do tenente alcalde, Rubén Arroxo, e da concelleira de Educación e Difusión do Coñecemento, Iria Buide, que acompañaron ás nenas e nenos que forman parte do proxecto “Camiño ás Aulas”.
Este programa, coordinado pola Tenencia de Alcaldía, permite que o alumnado de distintos centros educativos da cidade, entre eles os CEIP Albeiros, Casás, Luís Pimentel, Paradai, Rosalía de Castro e As Mercedes, poida desprazarse desde os seus fogares ata o colexio a través de itinerarios seguros. Ademais de promover hábitos de vida saudables, a iniciativa facilita que a infancia coñeza os espazos peonís creados nos últimos anos e contribúe á conciliación das familias, ao tempo que reduce o tráfico rodado nas contornas escolares.
No caso do CEIP As Mercedes, o novo vieiro inicia o seu percorrido na Ronda das Fontiñas número 57 e continúa por esta vía ata a rúa Montirón, desde onde se accede ao centro educativo. O proxecto “Camiño ás Aulas” baséase no acompañamento diario do estudantado por parte de monitores ao longo de todo o curso escolar, con diferentes puntos de recollida pensados para que cada nena e neno se incorpore ao itinerario no lugar máis próximo ao seu domicilio. A chegada ao colexio prodúcese, como máximo, cinco minutos antes do inicio das clases.
A implantación destes vieiros escolares supón tamén un avance cara a un novo modelo de mobilidade urbana, marcado pola diminución do uso do vehículo privado. Desde o Concello destacan que as medidas de calmado do tráfico desenvolvidas pola área de Mobilidade nos últimos anos fan posible garantir a seguridade viaria nestes percorridos, favorecendo contornas máis tranquilas e seguras arredor dos centros educativos.