Volven pechar os parques de Lugo pola chegada dun novo temporal, Pedro

Os parques de Lugo permanecerán pechados desde as 09.00 horas deste mércores ante a chegada dun novo episodio de inestabilidade meteorolóxica, denominado Pedro, e debido á activación da alerta amarela por ventos que poderán acadar refachos de ata 70 quilómetros por hora no centro da provincia.
Desde a área de Transición Ecolóxica indícase que persoal dos servizos municipais procederá ao precintado dos parques de Rosalía de Castro, Frigsa, Paxariños e Marcos Cela, polo que quedará vetado o acceso a estes espazos desde ese momento.
Así mesmo, o Concello solicita á veciñanza que respecte estas restricións e que evite achegarse ás zonas verdes municipais con arborado mentres non remita o temporal, co fin de evitar situacións de risco innecesarias que poidan comprometer a súa integridade.