Volven pechar os parques en Lugo ante unha nova alerta de ventos de ata 70 km/h

A partir das 11:00 horas de hoxe, xoves 29 de xaneiro, a Área de Transición Ecolóxica do Concello de Lugo pechará os parques da cidade, ante a previsión da Axencia Estatal de Meteoroloxía da chegada dun fenómeno meteorolóxico adverso de nivel amarelo por ventos de compoñente oeste que poden deixar refachos de ata 70 quilómetros por hora e que afectarán ao centro da provincia de Lugo.
Dende Transición Ecolóxica explícase que operarios dos servizos municipais precintarán, por tanto, os parques de Rosalía de Castro, Frigsa, Paxariños e Marcos Cela, quedando prohibida a entrada aos mesmos dende ese momento.
Ademais, fan un chamamento á cidadanía para pedirlle que respecten estas limitacións e que non se acheguen ata as zonas verdes municipais con arboredo ata que remita este temporal, evitando correr riscos innecesarios para non poñer en perigo a súa seguridade.