Vórtice Escénico presenta 'Asfixia' este xoves no Gustavo Freire

LugoXa
A compañía Vórtice Escénico, creada no 2023, presenta este xoves 8 Asfixia, obra de José Luis Baños de Vos.
compañia_vortice_escenico
7 Feb 2024

A compañía Vórtice Escénico, creada no 2023, presenta este xoves 8 Asfixia, obra de José Luis Baños de Vos. O auditorio Gustavo Freire acollerá a posta en escena desta peza teatral a partir das 20.30 horas. Trátase dunha traxicomedia sobre a escasa marxe de liberdade individual que permite a sociedade actual.

A obra comeza co esperpéntico pesadelo que asalta a Ágata días antes do seu trinta e catro aniversario: uns escuros seres de cabeza de porco e corpo humano axitan o seu soño e os cimentos da súa vida. Este pesadelo non é outra cousa que o resorte que desencadea unha crise existencial nesta muller afeita a cumprir as expectativas alleas. Ansiosa por facer algún cambio na súa monótona realidade co seu monótono marido, e motivada polo noxo que as criaturas do seu soño lle inspiran, Ágata decide deixar de comer carne.

Esta pequena decisión individual, que non tería por que ser posta en cuestión por ninguén, é ferozmente combatida polos seus, concretamente pola súa sogra, Silvia, que personifica á loita da sociedade contra o individuo. Verase como, nun contexto familiar tan ríxido como o de Ágata, esa pequena decisión individual, aparentemente tan minúscula e inofensiva, xerará un inexorable efecto dominó sobre o resto dos personaxes, asomando a cada un deles ao seu particular abismo.

0.22120189666748