Xa entrou en funcionamento o novo alumeado na rúa Quiroga Ballesteros
O tenente alcalde, Rubén Arroxo, anunciou que esta noite entrará en funcionamento o novo alumeado da rúa Quiroga Ballesteros, despois de pasar polos procedementos habituais ao instalar novas luminarias. Arroxo anunciou, ademais, o inicio dos traballos de substitución de luminarias na rúa Clérigos, “unha nova actuación para continuar reducindo as zonas escuras, aplicando a perspectiva de xénero para garantir a seguridade na vía pública”.
Na rúa Clérigos estanse a substituír 18 luminarias de 150W que conteñen haloxenuros cerámicos por luminarias LED de 53W, o que permitirá, segundo explicou Arroxo, “avanzar na eliminación dos materiais contaminantes da rede de alumeado público municipal ao mesmo tempo que todas as veciñas e veciños aforramos cartos na factura da luz do Concello”.
A actuación da rúa Clérigos supón un investimento de 5.557,37€, e permitirá aforrar ao concello un consumo eléctrico anual de 7.333 kWh, evitando emitir 2.8 Tn de CO2 á atmósfera.