Xa está en marcha o novo contrato de limpeza das instalacións municipais e centros educativos públicos
O Concello de Lugo activou o novo contrato para a limpeza de edificios municipais e centros educativos públicos, que foi adxudicado á empresa Lacera Servicios y Mantenimiento.
Cunha inversión total de 10.798.092,01 euros para os próximos catro anos, esta iniciativa supón un avance significativo na modernización dos procesos de limpeza das máis de 80 instalacións municipais incluídas no servizo.
As melloras máis destacadas inclúen a renovación completa da maquinaria, un aumento dun 17% no número de traballadores e un incremento do 34% nas horas asignadas ao servizo.
Ademais, tamén se incorporan novas infraestruturas ao servizo, como o Edificio Impulso Verde, o Auditorio Fuxan os Ventos ou o Coliving artístico, o Centro de Benestar Poeta Aquilino Iglesias e a Cloaca Romana, que agora serán atendidas cunha prestación máis eficiente e sostible. Tamén se actualizará o servizo nos centros educativos públicos, as escolas infantís e o Parque Infantil de Tráfico.
As instalacións de servizos sociais, como o Centro de Día Antonio Gandoy, Evislusa ou as casas sociais Clara Campoamor e María Mariño, recibirán atención específica, ao igual que as infraestruturas culturais como a Casa da Xuventude, o Vello Cárcere e o Centro de Convivencia Paco Martín.
As instalacións deportivas, que inclúen pavillóns, campos de fútbol, pistas de atletismo e a pista de vehículos teledirixidos de Frigsa, tamén se beneficiarán deste novo servizo. Ademais, serán cubertas as dependencias administrativas, como a Casa Consistorial, a sede da Policía Local e o Parque de Bombeiros.
NOVO ACORDO
A pesar de que a data prevista para o inicio do servizo era o 1 de febreiro, o contrato empezará a aplicarse de forma inmediata logo da súa sinatura o 17 de xaneiro. Durante a primeira semana, realizarase un proceso de adaptación para ajustar o servizo ás necesidades do Plan de Servizos definido nas bases do contrato.
O novo acordo inclúe a realización de diferentes tarefas de limpeza, desde as rutineiras ata as programadas ou solicitadas, e contempla un total de 3.400 horas anuais para cubrir necesidades imprevistas ou extraordinarias.
Tamén se prevén limpezas especializadas para centros educativos, espazos culturais e deportivos, e outras infraestruturas clave como o Parque de Bombeiros ou a Casa Consistorial.
"A semana inicial será de adaptación, pero estamos traballando de xeito coordinado coa empresa adxudicataria para lograr que o servizo acade canto antes o nivel de excelencia que buscamos para Lugo", explicou o edil Mauricio Repetto.
Unha das características máis destacadas deste novo contrato é o seu enfoque na sostibilidade e na eficiencia enerxética. O uso de maquinaria avanzada e produtos ecolóxicos permitirá optimizar os recursos e reducir o impacto ambiental das tarefas de limpeza. Ademais, promoverase a formación continua do persoal para asegurar un alto nivel de profesionalidade.
Finalmente, Repetto subliñou a relevancia desta renovación para mellorar a calidade de vida dos cidadáns: "A limpeza das nosas instalacións municipais e centros educativos é fundamental para ofrecer un espazo seguro e saudable para todos".