Xa están en marcha as 'XXXV Xornadas Luis Asorey' que se celebran na Deputación de Lugo

LugoXa
Miguel Fernández abriu o foro, que reúne un cento de participantes, "unha oportunidade única para reflexionar sobre a importancia dunha alimentación sostible"
Xornadas-Luis-Asorey-Lugo-2024
19 Nov 2024

O deputado de Formación, Ensino e Economía do Coñecemento, Miguel Fernández, inaugurou a 35ª edición das xornadas Luis Asorey, que organiza a Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) coa colaboración da Deputación de Lugo e o Campus Terra.

O Salón de Actos do Pazo de San Marcos acollerá polas tardes, de 19.00 a 21.00 horas, ata o vindeiro martes día 26 de novembro este ciclo de xornadas, que este ano abordan asuntos relacionados coa alimentación e o medio ambiente na saúde.

Miguel Fernández abriu o foro, que reúne un cento de participantes, xunto ao presidente da Real Academia Galega de Ciencias, Juan Manuel Lema Rodicio, e o catedrático Antonio Rigueiro, coordinador das xornadas.

Destacou a temática desta edición das xornadas “que representa unha oportunidade única para reflexionar sobre a importancia dunha alimentación sostible, baseada en produtos de proximidade, como a nosa dieta atlántica, e para abordar o impacto positivo que esta pode ter tanto na nosa saúde como na protección do medio ambiente”.

Subliñou que “iniciativas como esta son un exemplo claro de como o rural está cheo de oportunidades e ideas innovadoras, o noso territorio ten moito que ofrecer, só necesitamos darlle o apoio necesario desde as institucións, de maneira decidida e coherente", afirmou o deputado, quen fixo fincapé na importancia de aproveitar os recursos locais de forma respectuosa co medio ambiente.

Rematou o deputado felicitando aos organizadores polo completo e interesante programa deseñado para esta edición, e amosouse convencido de que “estes días de reflexión e debate darán lugar a novas ideas e proxectos que, sen dúbida, contribuirán a mellorar tanto a saúde das persoas como a sostibilidade do noso medio ambiente”.

0.20020580291748