Xa hai gañadores do concurso de recitado de poemas na casa museo de Manuel María

TerraChaXa | LugoXa
A Casa-Museo Manuel María celebrou este sábado a sétima edición do Concurso escolar de recitado poético da obra de Rosalía de Castro.
concurso recitado poemas casa manuel maria2
13 Mar 2023

A Casa-Museo Manuel María celebrou este sábado a sétima edición do Concurso escolar de recitado poético da obra de Rosalía de Castro e Manuel María con alumnado de distintos lugares de Galiza.

O certame, que leva por título Rosalía sempre viva, desenvolveuse en dúas sesións, de mañá e de tarde, e contou cunha importante participación. O alumnado participante, de entre os 6 e os 18 anos, realizou un excelente concurso cun nivel altísimo que puxo moi complicado o veredito do xurado.

Os premiados na primeira categoría (1º, 2º e 3º de primaria) foron Dunia Sánchez Costa, do CEIP Canosa-Rus de Coristanco, polo recitado do poema Caracol de Manuel María. Na segunda categoría (4º, 5º e 6º de primaria) foi para Paula García Vázquez, do CEIP Península da Paz de Cervo, co poema O cuco.

Na 3ª categoría (Educación Secundaria) gañou Carme Pereira Troncoso, do Colexio Maristas A Inmaculada de Lugo, polo recitado do poema Tristes recordos de Rosalía de Castro; e na 4ª categoría (Bacharelato e Ciclos Formativos) o premio foi para Lucía López Alvariño do IES Santiago Basanta Silva, polo recitado do poema Eu ben vin estar o moucho de Rosalía de Castro.

Tamén recibiron unha mención honorífica Lara Arias Sanjurjo do CPI de Xanceda polo poema de Manuel María A natureza, na categoría segunda e, por outra parte, Sara Martínez Quindimil do CPI de Xanceda polo recitado do poema Cando a luniña aparece.

A Casa-Museo Manuel María agradeceu a todos os presentes, alumnado finalista, familias e profesorado acompañante e público en xeral, a súa total colaboración para que a xornada de convivio decorrese con suceso.

0.17643308639526