Xa hai gañadores do XXX edición do Certame de Contos e Relatos Curtos Trapero Pardo
A Concellería de Educación e Difusión do Coñecemento de Lugo fixo públicos os relatos gañadores da XXX edición do Certame de Contos e Relatos Curtos Trapero Pardo, un certame anual que pon en valor a creatividade da mocidade lucense.
O concurso, aberto á participación de rapazas e rapaces de 12 a 18 anos dos centros de ensino de Lugo, permitiu visibilizar o talento das novas xeracións.
Os participantes podían presentar un máximo de tres relatos, cunha extensión máxima de 10 páxinas escritas a unha soa cara. O certame estivo dividido en dúas categorías: de 12 a 14 anos e de 15 a 18 anos, con tres premios para a primeira e dous para a segunda.
O primeiro premio na categoría de 12 a 14 anos foi para 'O Pazo', presentado por unha estudante do IES Ánxel Fole, que recibirá un lote de libros e un premio de 200 euros; o segundo premio foi para 'Amina', escrito por unha estudante do CPR Divino Maestro, que recibirá un lote de libros e un premio de 100 euros; e o terceiro premio foi para 'O reino dos soños', tamén do CPR Divino Maestro, que recibirá un lote de libros e un premio de 70 euros.
Pola súa parte, na categoría de 15 a 18 anos entregáronse só o primeiro e o segundo premios a 'Pola Noite', de María Fernández Ascariz, alumna do IES Ánxel Fole, que recibirá un premio de 250 euros e un lote de libros; e a 'Sombras no Peirao', de Carme Pereira Troncoso, alumna do CPR Maristas, que recibirá 130 euros e un lote de libros.
O xurado deste certame estivo formado por Xosé Manuel Castro Castedo, profesor de lingua e literatura galega de Educación Secundaria; Teresa Pena Moreda, directora da Biblioteca Municipal de Lugo; e Margarita Calderón Fernández, pedagoga da Concellería de Educación.
O Certame Trapero Pardo é unha das iniciativas que promove a Tenencia de Alcaldía para incentivar a lectura e a escritura entre a mocidade da cidade, mostrando a súa grande capacidade creativa.