Xa se pode realizar a inscrición para a milla e andaina Lugo en Marcha contra o Cancro
A presidenta da Asociación Española contra o Cancro en Lugo, María Luz Abella, e o deputado de Deportes, Efrén Castro, presentaron Lugo en Marcha contra o Cancro, unha xornada lúdica e deportiva que incluirá unha carreira popular e unha andaina e que se celebrará o vindeiro 30 de abril na cidade.
A actividade, organizada pola Asociación en Lugo co apoio da Vicepresidencia da Deputación de Lugo, pretende concienciar sobre a importancia dun estilo de vida saudable, baseado na alimentación adecuada e na actividade física, na prevención do cancro.
A presidenta da Asociación en Lugo María Luz Abella explicou que “pretendemos que sexa unha xornada lúdica, deportiva, educativa, saudable e, sobre todo, solidaria porque contribuirá a continuar cos proxectos que temos en marcha, tanto a axuda social e psicolóxica, como a investigación”
O deputado de Deportes, Efrén Castro, valorou “a contribución de probas populares a asentar hábitos de vida saudables xa que invitan a desfrutar do tempo de lecer facendo actividade física” e animou a veciñanza de Lugo e a persoas do resto das comarcas “a participar da iniciativa, que ademais do contido deportivo e lúdico ten un fin solidario”.
A presentación, no Pazo de San Marcos, contou tamén coa presenza de Maite Ferreiro, vicepresidenta da Deputación e Lugo e concelleira de Cultura de Lugo, de Mauricio Repetto, concelleiro de Xuventude e Deportes de Lugo, e de María José Gómez, xefa do Servizo de Coordinación Cultural da Xunta de Galicia, que tamén colaboran coa organización.
Desde a Asociación destacan a importancia do apoio destas institucións, que contribúen activamente a acadar os obxectivos do evento, como son a promoción da saúde e a recadación de fondos para a loita contra o cancro.
Participación e inscricións
A carreira ofrece diferentes percorridos en función da idade, cunha proba absoluta e outras para as categorías de menores. A andaina, polo adarve da muralla, está aberta a toda a poboación. O evento, que comezará as 19.00 horas, terá o punto de inicio e chegada na Praza da Horta do Seminario.
As inscricións para participar na carreira ou na andaina pódense facer en liña, en www.lugocontraocancro.es, e presencialmente, na Sede Provincial da Asociación en Lugo, rúa Carril dos Loureiros, 17, onde tamén se levará a cabo a recollida de dorsais os días 29 e 30 do mesmo mes.
Os prezos destas inscricións variarán en función da categoría e da proba:
- Milla categorías menores: 4 euros (nados a partir do 2006) e 2 euros pitufos (nados a partir do 2015).
- Milla categoría absoluta: 7 euros.
- Andaina: 4 euros menores (nados a partir do 2006) e 6 euros adultos.
- Milla e andaina o 30 de abril: 5 euros menores (nados a partir de 2006) e 10 euros adultos.
Dorsal solidario
Para quen non poida, ou non queira participar, pero si desexe colaborar coa Asociación Española Contra o Cancro, estará dispoñible a opción de mercar un dorsal 0 como inscrición solidaria. O diñeiro recadado destinarase a proxectos asistenciais e de prevención que desenvolve a entidade e investigación oncolóxica.
Segundo os datos recollidos polo Observatorio da Asociación Española Contra o Cancro, no ano 2021, foron diagnosticadas desta enfermidade 285.350 persoas en España e 2.702 na provincia de Lugo, territorio que amosa unha incidencia, prevalencia e mortalidade superior á media nacional. Estímase que en 1 de cada 3 mulleres e 1 de cada 2 homes terá cancro ao longo da súa vida, acadando os 21,6 millóns de casos novos en 2030.