Xa se pode solicitar un posto no Artesanfroilán ou o Mercado de Nadal

LugoXa
Aberto o prazo para solicitar un posto no Artesanfroilán e no Mercado de Nadal, organizadas pola Vicepresidencia da Deputación de Lugo
Artesanfroilan 2021
21 Jun 2022

A Deputación de Lugo vén de abrir o prazo para solicitar a instalación de postos no Artesanfroilán e no Mercado de Nadal, as dúas feiras de artesanía organizadas na capital pola Vicepresidencia da institución provincial.

As convocatorias están abertas a artesáns da provincia, que dispoñan da Carta de Artesán/a e que teñan o obradoiro inscrito no Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia. A instalación nos mercados será, un ano máis, gratuíta para as firmas de artesanía, que disporán dun posto con cadro eléctrico, iluminación e enchufe para mostrar e vender os seus produtos.

O deputado de Artesanía e Deseño, Efrén Castro, explicou que “poñemos en marcha xa a organización destas dúas feiras coa apertura do prazo de solicitudes e a selección dos postos para facilitar que os artesáns e artesás poidan elaborar o seu calendario de feiras anuais. A experiencia demostra que son dúas citas que ofrecen bos resultados en canto á comercialización, porque coinciden con datas de moita actividade comercial e cultural na cidade de Lugo”.

No Artesanfroilán, que se celebrará entre os días 1 e 12 de outubro na Praza Anxo Fernández Gómez, ofrécense 24 postos. No Mercado de Nadal, previsto do 21 de decembro ao 5 de xaneiro na Praza de San Marcos, instalaranse 14 casetas. Unha delas estará reservada para produtos de artesanía alimentaria que se rotarán cada dous días, polo que poderá albergar un máximo de 7 obradoiros. O prazo de presentación de solicitudes estará aberto, en ambos casos, ata o vindeiro 4 de xullo, incluído.

Tal e como se indica nas bases das convocatorias, publicadas no Boletín Oficial da Provincia e dispoñibles en cultura.deputacionlugo.gal, na selección dos participantes, valorarase a calidade do produto, a calidade da memoria descritiva, antigüidade da Carta de Artesán ou a antigüidade do Obradoiro inscrito no Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia.

Tamén se ponderará a innovación técnica, o deseño verde, a identificación do produto coa zona de procedencia, a difusión e implantación en Internet da firma e o deseño do posto.

0.14173817634583