Xa se pode ver a exposición 'Historia e cultura do pobo xitano' no Vello Cárcere

A Asociación de Promoción e Integración Xitana de Lugo inaugurou a exposición Historia e cultura do pobo xitano no Vello Cárcere, unha mostra que permanecerá aberta ao público ata o vindeiro xoves, 10 de abril.
Dirixida tamén aos centros educativos da cidade, a iniciativa busca rachar cos estereotipos e o descoñecemento que aínda persisten sobre esta comunidade.
A exposición está composta por 18 paneis explicativos que percorren a historia, a cultura e as achegas do pobo xitano á sociedade galega e española. O obxectivo principal é achegar esta realidade tanto ao alumnado como ao conxunto da cidadanía, contribuíndo así a unha mellor comprensión e integración.
A inauguración contou coa presenza de diversas autoridades e representantes institucionais, entre elas Sofía Vázquez Manzano, responsable da cooperativa de traballo asociado Mulleres Colleiteiras, o presidente da Asociación organizadora, Manuel Vila, o deputado de Medio Ambiente, Carlos López, o alcalde de Lugo, Miguel Fernández, o delegado territorial da Xunta, Javier Arias, e o director xeral de Inclusión Social, Arturo Parrado.
Durante o acto, Carlos López destacou a importancia desta iniciativa, subliñando que “a comunidade xitana forma parte da historia viva da nosa terra. A súa cultura, a súa lingua, os seus valores e a súa capacidade de resistencia enriqueceron Galicia ao longo dos séculos”. Ademais, puxo en valor o apoio da Deputación de Lugo á Asociación de Promoción e Integración Xitana, que este ano conta cunha achega provincial de 10.000 euros para o desenvolvemento dun proxecto de rehabilitación de vivendas.
Pola súa banda, Arturo Parrado destacou que este tipo de accións “son fundamentais para coñecer a pegada da comunidade xitana na nosa sociedade e seguir avanzando cara á súa plena inclusión social”.
A mostra permanecerá aberta ata o xoves 10 de abril e poderá ser visitada por centros escolares e público xeral no Vello Cárcere de Lugo.