Xa se pode visitar na EPSE a mostra itinerante sobre o proxecto RURALtXA!

LugoXa
A mostra traza un percorrido polas relacións entre as xentes e o medio ambiente, así como pola flora, fauna e hábitats incluídos no proxecto
RuraltXa-EPSE-Lugo
12 Feb 2025

A Escola Politécnica Superior de Enxeñaría (EPSE) acolle a exposición fotográfica itinerante do proxecto RURALtXA!, que permanecerá aberta durante os vindeiros quince días en horario de 8.30 a 21.00 horas.

A mostra traza un percorrido polas relacións entre as xentes e o medio ambiente, así como pola flora, fauna e hábitats incluídos no proxecto.

RURALtXA! é unha iniciativa que busca impulsar a bioeconomía rural mediante a revalorización dos usos tradicionais do monte e a gandería extensiva de montaña, ao tempo que promove a conservación da biodiversidade, con especial atención aos queirogais e ás turbeiras. A través desta exposición, preténdese achegar á sociedade os valores naturais e culturais destes hábitats, así como as actividades tradicionais que os sustentan.

O proxecto, desenvolvido por un consorcio entre as universidades da Coruña e Santiago de Compostela xunto á fundación vasca HAZI, conta co apoio da Fundación Biodiversidad do Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico (MITECO), dentro do Plan de Recuperación, Transformación y Resiliencia (PRTR) financiado pola Unión Europea – NextGenerationEU.

O proxecto desenvolvese en cinco áreas de Euskadi e catro de Galicia, traballando en espazos da Rede Natura como a Serra do Xistral e Monte Maior en Lugo, e outras áreas de montaña como a Serra da Faladoira na Coruña e a Serra da Groba en Pontevedra.

Na coordinación técnica do proxecto destaca a participación do equipo da EPSE, liderado por Ramón A. Díaz Varela e integrado por Emilio Díaz Varela, Alfonso Laborda Bartolomé e César A. Blanco Arias.

A conservación destes hábitats está estreitamente vinculada á persistencia de certas actividades tradicionais, como a presenza de cabalos salvaxes nas serras e a gandería extensiva.

“Coa perda destas actividades tradicionais, a supervivencia destes valiosos ecosistemas de montaña vese ameazada”, explican desde o proxecto.

A exposición busca, precisamente, sensibilizar sobre a importancia destas prácticas e fomentar a súa posta en valor para contribuír á conservación destes hábitats de interese comunitario.

 

0.17488217353821