Xa se poden solicitar as axudas escolares do Concello de Lugo para o vindeiro curso

LugoXa
O Concello de Lugo vén de abrir o prazo de solicitude das axudas para libros de texto e material escolar para o vindeiro curso.
31 Maio 2022

O Concello de Lugo vén de publicar no Boletín Oficial da Provincia a apertura do prazo de solicitude para as axudas para material escolar e libros de texto para familias con baixos recursos, que se entregan anualmente.

Así o anunciou hoxe o edil de Educación, Felipe Rivas, que explicou que o Goberno local traballa en “mellorar os prazos, e para o curso 2022-2023 agardan poder comezar a entegan as primeiras semanas de clases”.

A concellería de Educación destinará 40.000 euros para facilitar a adquisición de material escolar, en vales de 100 euros para 400 beneficiarios. O criterio único de baremación para a concesión da axuda será a renda per cápita anual da unidade familiar.

As solicitudes poderán presentarse entre o 1 e o 21 de xuño, mediante o rexistro telemático do Concello de Lugo de xeito preferente, mais tamén a través do rexistro presencial do Concello e de outras administracións.

“Desde a nosa chegada ao goberno traballamos para mellorar a entrega deste tipo de axudas, reducindo os tempos e tratando de mellorar a atención dada ás familias”, explicou Felipe Rivas, que engadiu “este ano, para poder chegar a máis familias, subimos as condicións de concesión do 0.80 ao 0.85 do IPREM”.

0.15307998657227