Xabier Díaz e Adufeiras de Salitre actuarán este domingo en Castroverde dentro de 'Polavilas no paraíso'

LugoXa
O concerto, reprogramado tras un adiamento en xullo, coincidirá coa Feira de Artesanía e Gastronomía e contará coa participación de Trasdalomba
comicomisión-de-festas-de-Castroverde-Trasdalomba
16 Aug 2025

Este domingo, 17 de agosto, Castroverde acollerá a actuación de Xabier Díaz e Adufeiras de Salitre no marco do ciclo “Polavilas no paraíso”, unha iniciativa promovida pola Vicepresidencia da Deputación de Lugo para achegar a música tradicional e en galego a todos os públicos.

O concerto, que fora adiado o pasado 26 de xullo debido á afonía do músico e compositor coruñés, celebrarase ás 22:00 horas na Praza do Concello, coincidindo coa Feira de Artesanía e Gastronomía da localidade.

O repertorio incluirá pezas dos catro discos editados por Díaz desde 2015 —The Tambourine Man, Noró, As Catedrais silenciadas e Axúdame a sentir, publicado a finais de 2024—, coa pandeireta como instrumento central e o acompañamento das Adufeiras de Salitre.

Ademais, o grupo de música tradicional de Castroverde Trasdalomba sumaranse ao escenario para interpretar conxuntamente un dos temas máis coñecidos do artista, “Xota de Lira”.

A deputada de Cultura, Iria Castro, destacou a vontade de Xabier Díaz de “implicar e dar protagonismo a Trasdalomba, recoñecendo a contribución do tecido asociativo e das formacións de música tradicional na conservación e difusión da nosa música”.

Tamén agradeceu a colaboración da Comisión de Festas de Castroverde na reprogramación do concerto, que cualificou como “o broche de luxo” para a Feira de Artesanía e Gastronomía. Engadiu que o ciclo “Polavilas no paraíso” busca aproveitar festas e feiras populares para achegar as novas propostas da música tradicional e en galego máis aló dos grandes eventos e festivais.

⚙ Configurar cookies
0.21278309822083