Xabier Díaz e Adufeiras de Salitre poñerán o broche ás festas de Santiago en Castroverde

Castroverde despedirá as súas festas de Santiago o vindeiro sábado 26 de xullo cun concerto de Xabier Díaz e Adufeiras de Salitre na Praza do Concello, dentro do ciclo Polavilas no paraíso promovido pola Vicepresidencia da Deputación de Lugo para achegar a música tradicional e en galego a todos os públicos.
O músico coruñés ofrecerá un repertorio que percorre os seus catro traballos discográficos desde 2015 —The Tambourine Man, Noró, As catedrais silenciadas e Axúdame a sentir, publicado a finais de 2024— cun protagonismo claro da pandeireta e o acompañamento vocal e rítmico de Adufeiras de Salitre.
Como parte especial do concerto, Xabier Díaz convidará ao grupo local Trasdalomba, formación de música tradicional de Castroverde, a subir ao escenario para interpretar xuntos a coñecida “Xota de Lira”, nunha homenaxe á música feita desde o tecido asociativo.
A deputada de Cultura, Iria Castro, que visitou as integrantes de Trasdalomba durante un ensaio, agradeceu a implicación do artista “por dar protagonismo ao grupo local, recoñecendo o valor das formacións tradicionais na preservación e difusión da nosa música”.
O concerto, programado para as 22:30 horas, servirá como colofón a unhas festas que comezaron o mércores e que contan con outras propostas apoiadas pola área de Cultura, como o espectáculo infantil Dallecopé de Pulpiño Viascón ou as actuacións de Os Valuros e da Mekànika Rolling Band. A comisión organizadora subliñou que se trata da edición máis completa dos últimos oito anos, cunha axenda pensada para públicos de todas as idades.