Xadrez para todas as idades na Praza do Castiñeiro durante o mes de xullo

LugoXa
O Concello de Lugo promove actividades gratuítas para fomentar o interese polo xogo como ferramenta educativa e social
xadrez-veran-Concello-de-Lugo
1 Jul 2025

O tenente de alcalde do Concello de Lugo, Rubén Arroxo, e a concelleira de Educación e Difusión do Coñecemento, Iria Buide, presentaron as actividades previstas para o mes de xullo dentro da programación anual de promoción do xadrez, dirixidas a toda a veciñanza de Lugo. O obxectivo, segundo explicou Iria Buide, é “espertar a curiosidade e o interese polo xadrez, achegando ás familias as vantaxes que a súa práctica representa na dimensión educativa”.

A Praza do Castiñeiro será o escenario destas actividades durante a primeira quincena de xullo, cunha programación que se desenvolverá todas as tardes de luns a venres entre as 18:00 e as 20:00 horas. Instalarase un xadrez xigante, varios taboleiros convencionais e ofreceranse clases de iniciación, permitindo que todas as persoas interesadas poidan participar libremente. Trátase dunha actividade totalmente gratuíta que non require inscrición previa.

Iria Buide salientou “o grande interese que está a achegar o xadrez na poboación” e engadiu que “a práctica do xadrez supón un magnífico instrumento para adquirir unha maior axilidade mental e unha serie de habilidades sociais, tales como a capacidade de concentración e de síntese, ademais de mellorar a memoria, o cálculo, a toma de decisións ou a creatividade”.

⚙ Configurar cookies
0.081414937973022