Xaquedrum e a Escola Luguesa de Xadrez organizan o oitavo Campamento de Xadrez de Verán

A Asociación Cultural Xaquedrum e a Escola Luguesa de Xadrez, en colaboración coa Deputación de Lugo, o Concello de Lugo e a Xunta de Galicia, organizan o oitavo Campamento de Xadrez de Verán.
O obxectivo deste programa é fomentar a práctica do xadrez entre os máis pequenos da cidade e da provincia, e contribuír a acadar os beneficios que esta disciplina achega á formación integral dos participantes, ao tempo que se facilita a conciliación da vida laboral e familiar da veciñanza lucense.
O campamento desenvolverase no CEIP Illa Verde desde o 23 de xuño ata o 1 de agosto, en horario de 09.00 a 14.00 horas, con opción de ampliación dende as 08.00 e ata as 15.00 horas.
Durante o campamento levaranse a cabo diversas actividades relacionadas co xadrez e tamén actividades de lecer, manualidades, contacontos, xogos deportivos... Cada proposta estará adaptada á idade de cada grupo.
O custo do campamento será de 65 euros, con descontos dispoñibles para quen participase noutros campamentos deste verán, para segundos irmáns, para alumnado do Illa Verde, do Rosalía de Castro ou membros da Escola Luguesa de Xadrez.
Ademais de aprender a xogar ao xadrez, os nenos e nenas farán o seu propio taboleiro, crearán pezas con material reciclado e participarán en actividades de lecer e deportivas.
Organizaranse tres grupos: Xadrez divertido, dirixido a nenos e nenas de 4 a 7 anos; Xadrez máxico, para rapaces e rapazas de 7 a 12 anos; e o VI Campus de Xadrez, orientado a mozos e mozas de 13 a 16 anos.
As inscricións poden realizarse a través do correo electrónico xaquedrum@gmail.com, no teléfono 657 974 937, ou tamén de forma en liña.